Archive for

Marzo, 2021

...

Apelido do día: Miñóns

no comments

O topónimo Miñóns, situado en Dumbría, deu lugar a un apelido que ten hoxe 465 ocorrencias e é característico da Costa da Morte, próximo ao seu núcleo orixinario. A orixe etimolóxica do topónimo é escura, seguramente prerromana e quizais está emparentada coa raíz do nome do río Miño. A partir do século XVIII, o apelido comeza a aparecer na documentación coa forma castelanizada, coma moitos outros.

Animamos cordialmente o flamante Delegado do Goberno en Galicia a que restitúa o apelido conforme á forma galega propia, que é a do topónimo que o orixinou. (A.B.)

 

(Distribución do apelido en Galicia segundo a web Cartografía dos apelidos Galegos)

 

Terra Nomeada: Cacharenzo

no comments

Cacharenzo é un lugar da parroquia de San Paio de Bais, no concello de Agolada. Hoxe é topónimo único en Galicia, pero houbo en tempos outro lugar do mesmo nome agora deshabitado, na parroquia de Pombeiro, en Pantón, documentado como Cas Charenço no século XV e outro, tamén desaparecido e seguramente emparentado, grafado como Charenço no século XVI, en Ledesma, Boqueixón.

Estas dúas atestacións antigas dan luz sobre o étimo de Cacharenzo, que podería estar composto pola palabra casa, apocopada en cas, mais un nome persoal Flarentius ou, menos probablemente, Florentius.

Tamén cabe a posibilidade de que o primeiro elemento casa evolucionase a cacha, cousa frecuente na nosa toponimia, e que o segundo sexa o nome persoal latino Arentius.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello pontevedrés, pódese consultar Toponimia de Agolada, da colección Terra Nomeada, publicación da Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.

 

Nome do día: Xosé

no comments

O nome Xosé chegounos a través do latín Ioseph ou Iosephus. Provén do nome hebreo Yoseph, un derivado do verbo yasaph ‘engadir’.

O seu hipocorístico máis frecuente é Pepe, de formación discutida. Está amplamente divulgado que procede das siglas P.P., abreviatura de pater putativus ‘pai tido por auténtico’, que acompañaba moitas veces o nome do pai de Cristo; é esta unha etimoloxía popular que hoxe non se acepta.

Tampouco é probable a relación co nome Pepe rexistrado en documentos galegos medievais, que non sobreviviu máis alá do século XI. Como nome dunha persoa real, e non do pai de Xesús, Joseph non figura nos nosos documentos antes do século XIV.

Considérase máis certeiro que Pepe proveña da forma romance Xosepe (rexistrada a partir do século XVI e grafada habitualmente como Josepe)  ou da duplicación do tema tónico –ep.

(don Josepe Picamillo, ano 1608. Fonte: Arquivo da Catedral de Santiago)

Pepe está presente en Galicia polo menos desde 1632, nun preito conservado na Real Audiencia de Galicia en que se menciona un Pepe de Calo, pero quizais sexa máis antigo, pois xa nun documento de 1576 se rexistra un lugar e casal de Pepino ou Pepiño, en Boqueixón (Arquivo da Catedral de Santiago). O feminino Pepa non o puidemos documentar antes de 1777, nun romance ferrolán anónimo.

(L.M.)

 

Nome da semana: frei Martín Sarmiento

no comments

O nove de marzo de 1695 naceu Pedro Joseph García Balboa, fillo de Alonso García, de Cerdedo (como Zerzedo, rexístrase na época) e Clara de Balboa Sarmiento. O apelativo familiar era Perucho. O seu primeiro apelido, García, é patronímico, hoxe o quinto en frecuencia en Galicia. Balboa (Valboa), o segundo, ten orixe toponímica: hai nove entidades de poboación en Galicia e  dúas parroquias chamadas (A) Valboa, estas nos concellos de Monterroso e Trabada, e outro lugar e parroquia que conteñen a voz, Ferreirós de Valboa, en Becerreá. Tamén hai no Berzo leonés, de fala galega, un municipio chamado oficialmente Balboa (Valboa en galego).

Pedro García tomou para a vida monástica o nome de Martín Sarmiento, co nome de pía do santo do  mosteiro en que profesou, en Madrid, e co segundo apelido da nai, Sarmiento, un sobrenome que datamos en Galicia por primeira vez coa forma galega Sarmento  no século XIII, nun descendente da casa de Trastámara, territorio medieval do NO de Galicia.

Este sobrenome Sarmento, que sobreviviu ata o século XIX entre nós e que continúa en Portugal, provén da voz latina SARMENTUM ‘rebento da vide’ e quizais tivese o significado metafórico de ‘descendente’.

Frei Martín Sarmiento está considerado o pai dos estudos onomásticos en Galicia. (L.M.)

[Retrato de Frai Martín Sarmiento (José Vicente Cousiño, c. 1755-1772), exposto no Museo de Pontevedra]

Neumandro, o Fole toponimista

no comments

Nos numerosos artigos publicados en El Progreso, que asinaba co pseudónimo de Neumandro ‘home de espírito’, Fole preguntábase pola etimoloxía de moitos topónimos galegos e chegaba, con frecuencia, a resultados sorprendentes e fantasiosos. Esta afección foleana maniféstase tamén nas súas obras literarias, en que atopamos as súas elucubracións etimolóxicas trasladadas ó texto e convertidas en materia literaria. Velaquí , como exemplo, un diálogo entre dous personaxes do seu conto “Lobos te coman”:

Pasamos axiña pola Goia… Preguntoume:

— E de onde virá iste nome de Goia? Haino en tantos sitios.

— Pois non cho sei. Ou vén de un GAUDI,  ‘ledo, gozoso’, ou quererá decir algo dos godos.

 

Anxel Fole, en Historias que ninguén cre (1981)

(A.P.)