Archive for

Maio, 2021

...

Nome do mes, nome do ano: Xela

no comments

Xela é o hipocorístico de Anxela (e non Ánxela), forma tradicional galega do nome, datado en Galicia polo menos desde o século XVI.

Para o nome, proveniente do feminino do lat. ANGELUM esperariamos unha forma esdrúxula parella á do portugués Ângelo/Ângela pero, quizais pola frecuencia no galego do antigo sufixo diminutivo –elo/-ela, o nome sufriu un desprazamento acentual, que non sabemos cando se produciu pero que xa estaba consolidado na segunda metade do século XIX, como confirman estes versos de Añón e Rosalía.

Con que solás facía varios ramos / de froliñas do monte para Anxéla! / (este era o nome dela) / na cabeza poñíal(l)as en roda… / Oi, era un gusto máis graciosa velaq’unha novia no día da súa boda

Añón, 1845. “Recordos da Infancia / Égloga”

Bebía no seu peito o paxariño, / tan branco relumbraba! / I olor, color, sabor, que eu ben sabía / o que sabía Anxela, / anque n’inda a cheirala me astrevía… / Todo ós meus ollos era santo nela!

Rosalía de Castro, 1880. “Por que?” (Follas Novas)

Anxela e Xela son formas propias e exclusivas e as recomendadas no galego moderno; a variante Ánxela é etimolóxica e harmónica co portugués e o castelán e recuperouse recentemente.

Xela Arias foi a autora homenaxeada nas celebracións das Letras Galegas deste ano 2021. Rexistrárona ó nacer como María de los Ángeles, nunha época en que aquí non se podían poñer nomes en linguas distintas do castelán. Ela optou por galeguizar o seu nome en 1994.

[Imaxe tomada da web da RAG, da sección Primavera das Letras dedicada a Xela Arias]. LM.

Terra Nomeada: A Ría de Abres

no comments

O nome desta parroquia de Trabada, estrema dun val que atravesa o Eo e ata onde chegan as mareas vivas, está composto pola palabra ría, feminino creado a partir de río (do latín RIVU ‘id’) e Abres, nome ademais dunha parroquia do concello asturiano da Veiga e que contén o concello e parroquia de Santiago de Abres, tamén en Asturias. Este último é un topónimo opaco e considérase que, ou ben é o resultado dun nome persoal ou está formado pola raíz prerromana *ab– ‘auga’. Abres figura como Ables no século X e, a partir do século XII, alterna entre Avles, Avres e Abres.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello, pódese consultar o libro Toponimia de Trabada de Xulia Marqués Balea, publicado na Colección Terra Nomeada, pola Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.