Posts tagged ·

odonimia

·...

A toponimia interesa

no comments

A rota toponímica organizada o domingo pasado pola Gentalha do Pichel tivo un grande éxito de público. Un paseo de case tres horas pola zona vella de Santiago encabezado por Xosé Ramón López Boullón, membro da Asociación Galega de Onomástica, convocou arredor de cincuenta persoas que participaron activamente coas súas preguntas e as súas achegas a que todos coñecésemos algo máis da historia e da toponimia da cidade.

Desde a AGOn dámoslles os parabéns aos organizadores, ao guía e aos asistentes, alegrámonos do interese que esperta o noso património toponímico e esperamos que sexan moitas máis as veces que reflexionemos sobre os nosos nomes de lugar.

Os nomes das rúas (I)

no comments

Periodicamente os medios de comunicación recollen os debates que xorden en vilas e cidades arredor dos nomes das rúas.

A odonimia (do grego  odós, camiño, vía e ónoma, nome) é probablemente a parte máis mudable da toponimia, pois é moi raro que alguén solicite que se lle cambie o nome a unha vila, a unha parroquia, a un río, a un monte.

As causas destes cambios son variadas: en ocasións, en nome da Lei da memoria histórica, substitúense nomes asociados á ditadura franquista que xa desprazaran antigos topónimos; outras veces, a crecente urbanización do territorio esixe nomear rúas e vías que antes non existían. E, en moitos casos, a alternativa que se propón é un topónimo honorífico, en homenaxe a unha persoa.

Os que bautizaron as vellas rúas sabían que os topónimos serven para describir a realidade, para orientarse e para convivir. A Rúa Nova, O Preguntoiro, a Rúa Alta, a Praza da Ferrería, O Camiño Real… Non vivimos nun mundo acabado de descubrir; calquera recanto ten un nome previo; iso é seguro: ¡recórdese que Galicia ten máis de un millón de topónimos!.

Substituír un destes vellos nomes ou sepultar debaixo dunha nova urbanización coas súas vías novas unha manchea de topónimos que levan anos nomeando o territorio é un atentado patrimonial, é desbaldir unha herdanza natural e cultural que nos legaron os devanceiros.

Se se quere homenaxear alguén, eríxaselle unha estatua ou escríbase un libro para divulgar a súa valía persoal e social. ¿Entenderíase que para honrar o mérito dunha persoa se destruíse a catedral de Santiago ou a muralla de Lugo?

Os nomes das rúas (II)

no comments

No ano 2002, a Comisión de Toponimia, a Asociación Galega de Onomástica, a Universidade de Vigo, a Federación das Asociacións de Veciños de Vigo e o Instituto de Estudios Vigueses  asinaron a seguinte declaración:

A toponimia como patrimonio

Recoñecemos que os nomes dos lugares son un elemento de primeira orde no noso patrimonio inmaterial. Herdados de xeración en xeración a través dos séculos, constitúen un dos máis prezados bens culturais da comunidade.

A progresiva transformación dos modos de ocupación do territorio pon en perigo a supervivencia de moitos topónimos tradicionais. Comprometémonos a velar pola súa preservación defendendo os principios que se seguen:

1)      Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificios, etc.), ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.

2)      No caso de realidades xeográficas de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.

3)      Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia han de preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.

4)      Só se empregará o recurso á imposición de “topónimos honoríficos” (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional ou cando a supervivencia do topónimo

Os nomes das rúas (e III)

no comments

O Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU (UNGEGN) elaborou no 2004 unhas Directrices sobre Topónimos Conmemorativos. Recollemos aquí os principios deste documento:

Cando se propón ou considera un topónimo conmemorativo, cumpriranse os seguintes principios, a non ser que entren en conflito coa política das correspondentes autoridades onomásticas:

1. Para propoñer un topónimo só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimo conmemorativo se considere deben ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do dito acontecemento.

2. Para propoñer un topónimo conmemorativo só se terán en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou o elemento xeográfico, ou que teñan destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da provincia ou da nación.

3. O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis alá dun simple ou especial interese dun grupo.

4. Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.

5. Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.

6. A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de aplicarlle un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.