Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • Congreso de Toponimia en Berna (Suíza)

    A Universidade de Berna vai celebrar entre os días 9 e 13 de xullo de 2012  o congreso Trends in Toponymy 5, centrado en cuestións relativas aos nomes de lugar no marco da toponimia, a lingüística e outros enfoques relacionados. Os prazos de recepción dos resumos das distintas modalidades de participación  finalizan o 21 de outubro (no caso das mesas redondas) e o 31 de novembro (comunicacións e pósters).

    Pódese encontrar máis información na páxina do devandito congreso.

  • Respecto pola toponimia galega

    A AGOn remitiulle unha carta á Ministra de Cultura para que o portal do Ministerio de Cultura  España es cultura / Spain is culture respecte a toponimia galega consonte se establece na lexislación vixente.

    Ata o momento non se recibiu resposta nin se restituíron as formas propias galegas dos topónimos.

     

     

  • A toponimia do Bierzo occidental

    O colectivo O Bierzo Ceibe reclama a recuperación da toponimia tradicional do Bierzo occidental:

    «O Bierzo occidental en a súa toponimia específica que o distingue doutros territorios veciños. Toponimia tradicional conservada ó longo dos séculos na súa lingua galega. Pero a falta de recoñecemento legal e institucional do galego está permitindo a súa perda fronte á oficialidade do castelán. Nas últimas décadas modificouse a normativa de forma que xa hai un recoñecemento legal do galego do Bierzo. Referímonos ó Estatuto de Castela e León que recoñece expresamente “que gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (artigo 1.4.). Pero certo é que, malia o recoñecemento legal do galego, as institucións bercianas non se comprometeron na recuperación toponímica na súa lingua tradicional.»

     

  • A onomástica galega no XXIV Congreso do ICOS

    Entre os días 5 e 9 de setembro de 2011 celebrouse en Barcelona o XXIV Congreso do ICOS (International Council of Onomastics Science). A presenza galega foi notable, cunha importante participación de membros da AGOn, o que dá fe da vitalidade dos estudos onomásticos en Galicia.

    As comunicacións dos participantes galegos trataron sobre distintos aspectos da onomástica (onomástica e lingüística; nomes na sociedade; antroponomástica; toponomástica; onomástica e historia; cartografía e nomes de lugar; estandarización; didáctica).

    Estes foron os relatores e as súas comunicacións:

    • Álvarez Pérez, Xosé Afonso: Edición dos materiais galegos do “Diccionario Geográfico Popular de España” de Camilo José Cela
    • Boullón, Ana: Apelidos detoponímicos en Galicia
    • Dourado, Rocío: Toponimia de base antroponímica no concello de Ribadeo (Lugo): apuntamentos para unha sistematización
    • Feijoo, Vicente: As motivacións dos nomes das pedras en Galicia. Cultos, ritos e lendas
    • García Cancela, Xermán e Gallego Prieto, Manuel: O Proxecto Toponimia de Galicia
    • Marqués Valea, Xulia: Recreando a onomástica. Vinte e tantas propostas para a aula
    • Martínez Lema, Paulo: Toponomástica, documentación medieval e fenomenoloxía lingüística: contribución para unha gramática histórica da lingua galega
    • Méndez, Luz: Atlas Mundial Galego Online ou a estandarización nos medios de comunicación públicos galegos
    • Rodríguez, Raquel: A onomástica das bodegas, viños e licores da D.O. Monterrei
    • Sousa, Xulio: Nomes e números: algúns datos sobre frecuencia e distribución xeográfica de apelidos galegos
    • Souto González, Marta: O territorio nomeado
    • Vilar, Xosé Lois: A talasonimia galega

    Na exposición bibliográfica do congreso tamén se puideron consultar varias publicacións galegas sobre onomástica do Instituto de Estudos Miñoranos e de Etnoga, Patrimonio cultura, nas cales traballaron membros de AGOn.

  • Todos seremos Rodríguez?


    Unha entrevista con Ana Boullón sobre a variedade onomástica.

    (Imaxe: Nube de apelidos formada cos 100 máis frecuentes en Galicia. WordleTM.)