
O da Estrada, en latín *(VIA) STRATA ou STRATA, substantivo ou participio pasivo de sternere ‘estender polo chan, empedrar un camiño’, é un topónimo viario referido a unha estrada antiga que atravesaba a daquela pequena localidade, convertida anos despois na capital do concello pontevedrés do mesmo nome.
A estrada nomeada no topónimo era utilizada por viaxeiros diversos, entre os que destacaban peregrinos procedentes do norte de Portugal e arrieiros de Tabeirós e Terra de Montes que traficaban con viño do Ribeiro con destino a Santiago. A vía pasaba polo antigo Campo da Estrada, coincidente, grosso modo, coa actual Praza da Farola, oficialmente Praza de Galicia, da vila da Estrada e despois polo barrio do Cruceiro, rumbo a Santiago de Compostela. Aínda que a parroquia da Estrada foi creada no ano 1855 en substitución da de Figueiroa, o nome de lugar A Estrada xa aparece como parte da freguesía de San Paio de Figueiroa en documentos do século XVI.
Para saber máis deste e doutros topónimos do concello, pódese consultar o libro Toponimia da Estrada de Fernando Cabeza Quiles, publicado na colección Terrra Nomeada pola Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.


Cacharenzo é un lugar da parroquia de San Paio de Bais, no concello de Agolada. Hoxe é topónimo único en Galicia, pero houbo en tempos outro lugar do mesmo nome agora deshabitado, na parroquia de Pombeiro, en Pantón, documentado como Cas Charenço no século XV e outro, tamén desaparecido e seguramente emparentado, grafado como Charenço no século XVI, en Ledesma, Boqueixón.
O nove de marzo de 1695 naceu Pedro Joseph García Balboa, fillo de Alonso García, de Cerdedo (como Zerzedo, rexístrase na época) e Clara de Balboa Sarmiento. O apelativo familiar era Perucho. O seu primeiro apelido, García, é patronímico, hoxe o quinto en frecuencia en Galicia. Balboa (Valboa), o segundo, ten orixe toponímica: hai nove entidades de poboación en Galicia e dúas parroquias chamadas (A) Valboa, estas nos concellos de Monterroso e Trabada, e outro lugar e parroquia que conteñen a voz, Ferreirós de Valboa, en Becerreá. Tamén hai no Berzo leonés, de fala galega, un municipio chamado oficialmente Balboa (Valboa en galego).