Ir ao contido da páxina

Vogais aberta e pechadas: tempo, dente, testamento

O /s/ posnuclear: rotacismo, aspiración e palatalización

Os fonos da lingua pódense clasificar segundo a súa sonoridade ou, inversamente, a súa fortaleza. É difícil concretizar que trazos fonéticos se correlacionan con estas dúas xerarquías inversas. En termos xerais, podemos dicir que canta máis dificultade se opoña á saída do aire na produción dun segmento, este será máis forte e posuirá menos sonoridade. A sonoridade (non confundir coa voz) é unha propiedade difícil de definir que ten que ver coa intensidade e o volume. A dificultade á saída do aire dificulta a vibración das cordas vocais; para poderen vibrar e producir a voz, as cordas vocais precisan que a presión de aire nas cavidades supraglóticas non sexa moi alta; un aumento na constrición nas cavidades supraglóticas provoca que se concentre aire nelas, o que aumenta a presión e, en consecuencia, dificulta (e mesmo impide) a vibración, diminuíndo a sonoridade do segmento.

Ordenando os fonos de máis a menos fortes ou de menos a máis sonoros, xorde a xerarquía oclusivo > fricativo > nasal > líquido > vogal. A presenza de voz tamén torna os segmentos máis sonoros ou febles: os fonos oclusivos voceados coma [b, d] son máis sonoros cós seus correlatos desvoceados [p, t]. (A partir de agora falaremos só desde o punto de vista da sonoridade e deixaremos de lado a fortaleza.)

Por outra parte, a sonoridade dos segmentos está relacionada coa súa posición na sílaba. As marxes da sílaba conteñen fonos menos sonoros cós núcleos, que deben estar ocupados por segmentos relativamente máis sonoros.

Ademais, a coda silábica (segmentos que van despois do núcleo) é unha posición pouco favorable para manter fonos, pois a sílaba óptima carece de coda (son sílabas óptimas as de palabras coma pata, casa ou toco); ademais, hai maior variedade de segmentos nas marxes prenucleares ca nas codas. A longo prazo, os segmentos en coda parecen tender a debilitarse ou mesmo e a desaparecer (latín saltŭm > galego souto).

Finalmente, dadas dúas sílabas contiguas, a estrutura óptima buscará que a coda da sílaba á esquerda sexa máis sonora có ataque (a marxe prenuclear) da sílaba á dereita: mon.te, bes.ta, cur.ta (onde os puntos representan fronteiras silábicas).

No léxico patrimonial galego, os segmentos máis fortes que ocupan a coda son /s/ e /θ/ (nos dialectos en que /θ/ existe), que observamos en palabras coma ves ou vez. Ora ben, contra a tendencia arriba sinalada, estes segmentos na coda poden aparecer seguidos doutros máis sonoros que ocupan o ataque da sílaba seguinte: isto sucede con /s/ en palabras coma mesmo [ˈmɛz̺.mo] ou sintagmas coma os dentes [oz̺ˈ.ð̞ẽn̪.tes̺], en que tanto [m] coma [ð̞] son segmentos máis sonoros ca [z̺]. Estes segmentos en coda poden tamén aparecer seguidos de ataques cun grao similar de sonoridade: isto sucede cando se xuntan dúas consoantes fricativas coma en [es̺..fo.ˈlaɾ] esfolar ou [os̺..θa.ˈpa.tos̺] os zapatos. Todas estas secuencias son menos óptimas cás de mesto [ˈmɛs̺.to] ou os tempos [os̺.ˈtẽm.pos̺], en que [t] é un segmento menos sonoro ca [s̺].

Cando isto sucede, en moitos dialectos do galego os fonos da clase /s/ na coda foron substituídos por [ɾ], [ɹ] ou [ɹ̝], que son máis sonoros e, polo tanto, máis apropiados para esta posición, sobre todo se van seguidos de ataques máis sonoros (en casos coma os de mesmo ou os dentes). Este fenómeno é coñecido como rotacismo, que sucede cando os sons tipo /s/ na coda aparecen ante un ataque que non sexa africado nin oclusivo desvoceado: [ˈmɛɾ.mo], [oɾˈ.ð̞ẽn̪.tes̺], [eɾ.fo.ˈlaɾ], [oɾ.θa.ˈpa.tos̺]. Nas falas rotacistas danse alternancias coma a do artigo os en [os̺..ˈtews̺] os teus vs [oɾ.ˈmews̺] os meus; ou a do adxectivo bos en [ˈbos̺.ˈtẽmpos̺] bos tempos vs [ˈboɾ.ˈð̞ias̺] bos días. O rotacismo parece darse só nas falas con /s/ apicoalveolar.

Téñense rexistrado exemplos illados (e asistemáticos) de rotacismo ante segmentos menos sonoros; en todo caso, este último é un fenómeno infrecuente que confirma a explicación que acabamos de ver: nestas falas é preferible un segmento máis sonoro nas codas seguidas dun ataque. Neste sentido, o rotacismo é unha forma de lenición polo que un segmento máis forte ou menos sonoro é substituído por outro máis feble ou máis sonoro.

Tamén se obteñen codas menos fortes ó mudar /s/ por [h]; este á un fenómeno moi común no noroeste de Galicia coñecido como aspiración: os dentes [oh.ˈð̞ẽn̪.tes̺]; este proceso tamén se dá cando o ataque seguinte é máis forte ca /s/: [eh.ˈko.β̞a] escoba.

Estes segmentos glotais son máis febles pois carecen de constrición supraglótica; nestes casos, [h] acostuma ser o paso previo á desaparición do segmento orixinario. Por esta razón, a aspiración pode considerarse tamén un caso de lenición.

Outro proceso que afecta ós /s/ posnucleares é a chamada palatalización, fenómeno occidental polo que os sons tipo /s/ na coda atrasan a súa realización a [ʂ, ʃ]; é posible que este fenómeno sexa máis común en zonas de seseo laminal. Fronte ó dous anteriores, este proceso non parece poder ser considerado lenición, pois un segmento fricativo é substituído por outro. Polo tanto, o resultado final non é unha secuencia óptima no sentido en que viñemos falando.

Nótese que estes procesos son variables: os falantes non realizan a mutación sempre que se dea o contexto. Como responden a tendencias, é natural que estos non se estendan a tódalas falas galegas. Nalgún casos tamén poderían estar lexicalizados: estaren consolidados nunhas palabras e variaren noutras.

Fonte: ALGa III, mapa 199.

Francisco Dubert García

Mapa de rotacimo.
Realizacións de /s/ posnuclear. Elaborado por Lucía Doval Iglesias.