Ir ao contido da páxina

Historia

A primeira investigación para un atlas lingüístico que se realizou no dominio lingüístico galego foi a do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. Nos anos anteriores á guerra civil rexistrárase información para este atlas en 52 localidades de Galicia. Nos anos setenta do século XX viuse a necesidade de elaborar un atlas, cunha rede de puntos sistemática, que permitise presentar, do modo máis completo posible, a realidade lingüística galega. O dominio galego era dos poucos que na Romania europea non dispoñía dun atlas propio.

Cando se proxectou o ALGa orientouse a investigación en dúas direccións:

  1. conexión con outras empresas do campo da xeografía lingüística de carácter máis xeral; e
  2. profundización no estudos das características específicas do galego.

Entre os anos 1974 e 1976 tres investigadores do ILG percorreron 167 localidades distribuídas en Galicia e nas provincias de Asturias, León e Zamora. O cuestionario do ALGa contén 2.711 preguntas coas que se pretendeu realizar unha descrición detallada das variedades xeográficas do territorio estudado. O material recollido nos cuestionarios constitúe unha base de datos de máis de medio millón de rexistros na que ademais do texto da resposta se inclúe abundante información complementaria (anotacións sobre o uso, refráns, debuxos, fotos etc.).

O ALGa estivo desde o seu inicio vinculado a outros proxectos de xeografía lingüística europeos: Atlas Linguarum Europae, Atlas Linguistique Roman, Atlas Lingüístico de España y Portugal, Atlas Lingüístico de los Marineros Peninsulares e Atlas Linguístico-Etnográfico de Portugal e da Galiza. É preciso recoñecer a débeda do ALGa co Atlas Lingüístico de España y Portugal, especialmente na selección de preguntas que formaron parte do cuestionario e na súa estruturación.