Ir ao contido da páxina

Atlas Lingüístico Galego

O Atlas Lingüístico Galego (ALGa) é un proxecto de xeografía lingüística do Instituto da Lingua Galega iniciado na década dos anos setenta do século XX. O ALGa naceu coa pretensión de coñecer o estado da variación dialectal do galego falado nas áreas non urbanas do dominio lingüístico galego.

Os materiais recadados permiten afondar no estudo dalgunhas características do galego falado no último terzo do século pasado e comparar a realidade lingüística galega coa doutros dominios lingüísticos próximos.

Desde 1990 os resultados da investigación publícanse en forma de atlas lingüístico con mapas que axudan a coñecer a variación dialectal nos niveis fonético, morfosintáctico e léxico nas 167 localidades enquisadas de Galicia, Asturias, León e Zamora.

Ata a actualidade foron publicados 8 volumes dos 12 con que contará a obra completa; os volumes edítanse coa colaboración da Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela.

Os directores e promotores do proxecto do ALGa foron Constantino García González e Antón Santamarina Fernández. Do traballo de campo e do desenvolvemento inicial do proxecto son responsables Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.

O proxecto conta co financiamento da Fundación Barrié, desde os seus inicios, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.