Metodoloxía
As enquisas do ALGa foron realizadas por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, entre os anos 1974-1976 (de novembro de 1974 a novembro de 1975 e de maio a xullo de 1976), coa excepción do cuestionario de Lubián, cuberto en maio de 1977. Os tres investigadores son tamén autores do cuestionario, elaborado baixo a dirección de Constantino García González e de Antón Santamarina Fernández.
A preparación dos investigadores do ALGa iniciouse no Departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela. Froito deste traballo foron as súas memorias de licenciatura presentadas en xullo de 1974 na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela.
Os enquisadores exploraban á vez tres localidades próximas do dominio. Nalgúns casos, o investigador principal dun lugar foi axudado por outro compañeiro para cubrir unha pequena parte do seu cuestionario.
Como complemento dos cuestionarios fixéronse gravacións en 92 puntos do ALGa co fin de ter unha mostra da fala viva
A rede de puntos
O conxunto de localidades estudadas é o da Galicia administrativa e zonas lindantes de Asturias, León e Zamora. A distribución dos 167 puntos é a seguinte: 49 na Coruña, 39 en Lugo, 31 en Ourense, 33 en Pontevedra, 7 en Asturias, 5 en León e 3 en Zamora.
A distancia media entre as localidades é duns 20 km., malia que na costa occidental, a de maior densidade de poboación, a rede é máis fita, mentres que en zonas de Ourense é máis clara por mor da orografía e da escasa densidade demográfica.
As localidades están identificadas nos mapas editados por provincias (C=A Coruña, L=Lugo, O=Ourense, P=Pontevedra, A=Asturias, Le=León e Z=Zamora) seguidas dun número, atribuído de forma consecutiva de norte a sur.
O dominio lingüístico estudado comprende un territorio de preto de 33.000 km2.
Os informantes
O ALGa concibiuse e desenvolveuse como un atlas lingüístico de tipo tradicional. En consecuencia, o tipo de informantes seleccionado coincide co que nos estudos de dialectoloxía se identifica coa sigla NORM do inglés non-mobile older rural male: home da contorna rural, de idade adulta e con residencia estable no lugar de enquisa. Con todo, e como se pode comprobar na relación de persoas enquisadas incluída no primeiro tomo da obra, un vinte por cento dos informantes foron mulleres.
Os investigadores procuraron buscar sempre o informante ideal dos estudos tradicionais (iletrado, nativo do lugar igual cós seus pais e a súa muller, que non fose ao servizo militar, que non viaxase, que se expresase coa maior espontaneidade posible, sen defectos articulatorios etc.). Houbo enquisas nas que un só informante (labrego, home ou muller, natural e veciño do lugar enquisado ao igual cós seus pais) contestou a todas as preguntas, sen que fixese falta acudir a un informante secundario que enchese as lagoas. Noutros casos, foron varios informantes os que ofreceron información para unha mesma localidade.
A variedade lingüística á que corresponden os materiais do ALGa é a usada na metade da década dos setenta do século XX por persoas adultas, fundamentalmente homes, nacidos e residentes permanentes en aldeas do medio rural.
O cuestionario e o material auxiliar
O cuestionario do ALGa contén 2.712 preguntas e está dividido en seccións: fonética, morfoloxía e sintaxe (527 preguntas); e léxico (2.183). No cuestionario prescindiuse do léxico específico mariñeiro, por estaren xa exploradas 15 localidades costeiras galegas para o Atlas Lingüístico de los Marineros Peninsulares.
Para motivar unha resposta, en xeral as preguntas fixéronse de modo indirecto, a base de definicións, xestos ou outros recursos axeitados ao tipo de cuestión de que se tratase. Nalgúns casos as preguntas realizábanse co apoio de debuxos, fotos ou de indicacións á realidade circundante.
O material complementario empregado foi:
- libros con ilustracións de insectos, paxaros e plantas.
- un álbum de fotos e debuxos de plantas, apeiros, construcións, ferramentas de oficios etc.
- un pequeno herbario, que se enriquecía a medida que se facían as enquisas.
As respostas eran anotadas no alfabeto fonético da RFE, con pequenas adaptacións. Para o rexistro das mostras da fala viva empregouse un magnetófono de bobina.
A lingua falada polos investigadores cos informantes foi sempre o galego.