Historia
1971: Fundación do Instituto da Lingua Galega
En 1971, a Universidade de Santiago de Compostela crea o primeiro instituto universitario dedicado á investigación e promoción do galego: o Instituto da Lingua Galega (ILG). Inicialmente, unha das súas tarefas prioritarias é a elaboración do primeiro método de aprendizaxe do galego (1971-1974) e a impartición dos primeiros cursos de lingua. No terreo da investigación, preséntanse as primeiras teses de doutoramento sobre a lingua galega, que serán publicadas como anexos da revista Verba. Anuario de Filoloxía Galega, primeira publicación científica da lingüística galega, que comeza a súa andaina en 1974.
Neste ano, e co apoio desde o comezo da Fundación Barrié, iníciase un dos seus proxectos máis importantes: o Atlas Lingüístico Galego (ALGa). Entre novembro de 1974 e xullo de 1976 e en maio de 1977, Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González, membros do Instituto, realizaron in situ as enquisas en 167 puntos do dominio lingüístico galego (152 de Galicia e 15 das comarcas galegófonas de Asturias, León e Zamora). A Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e posteriormente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, financiaron os traballos de tratamento e análise dos materiais do ALGa, que fan posible a elaboración dos volumes publicados, grazas tamén ao apoio da Fundación Barrié, desde 1990 ata a actualidade.
No artigo “Da invención e fundación do ILG”, de Ernesto X. González Seoane, publicado en Grial 191 (2011), pódese atopar información sobre estes primeiros anos.
1982: Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG / RAG)
O 3 de xullo de 1982 prodúcese a aprobación, nunha sesión conxunta da Real Academia Galega e do ILG, das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), elaboradas por unha comisión mixta de ambas as institucións. As NOMIG foron oficializadas en novembro dese mesmo ano polo goberno galego, converténdose nas primeiras normas da lingua galega con apoio académico e recoñecemento institucional. Con anterioridade, en 1976, iniciáranse os seminarios para a elaboración das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, que se publican en 1977, e que son o precedente máis importante das NOMIG.
Tamén en 1982 o ILG é distinguido co Premio Ossian, instituído pola Fundación Alfred Toepfer FVS de Hamburgo para salientar persoas ou institucións recoñecidas polo seu contributo a prol da salvagarda, estudo e promoción das linguas minorizadas de Europa.
Ademais, o Instituto acolle en 1986 o Coloquio de lexicografía, baixo a dirección do profesor Ramón Lorenzo, que congregou destacados investigadores e investigadoras a nivel internacional.
Por outra banda, en 1988 o ILG comezou a impartir os cursos de verán de lingua e cultura galega para estudantes de fóra de Galicia, que uns anos despois organizaría en parcería coa Real Academia Galega, sempre coa axuda económica da Xunta de Galicia, e que reúnen cada ano persoas de diversos países interesadas no estudo da nosa lingua e cultura. No mesmo ano preséntase a versión provisional do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, elaborado por Antón Santamarina e Manuel González, obra de referencia para a elaboración dos dicionarios galegos contemporáneos.
En 1989 o ILG organiza o XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica, celebrado en Santiago de Compostela e organizado por Ramón Lorenzo, en que o galego é recoñecido como lingua oficial da romanística.
No artigo “O Instituto da Lingua Galega (1971-1990). Contribución á investigación e á normalización do galego”, de Francisco Fernández Rei, publicado en Homenaxe ó profesor Constantino García (1991), pódese atopar información sobre o ILG neste período
1996: 25.º aniversario do ILG
En 1996, co gallo da celebración do 25.º aniversario do ILG, ten lugar o I Congreso Internacional A Lingua galega: historia e actualidade.
No mesmo ano públicase A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego, audio-libro editado polo Consello da Cultura Galega (actualmente na rede), da autoría de Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías. Esta obra recompila textos orais de diversas xeracións de falantes.
No ano 2000, Antón Santamarina lanza a primeira versión do Dicionario de dicionarios na Biblioteca Filolóxica Galega, editada polo ILG e a Fundación Barrié. Desde 2006 poden consultarse en liña, grazas á colaboración coa Universidade de Vigo, as case 400 000 entradas que ofrece.
Na entrevista a Antón Santamarina, publicada no número 129 de Grial (1996), pódese atopar máis información sobre este período.
En 2001 realízase o primeiro simposio do Instituto da Lingua Galega, que se vén celebrado cada ano desde esa data. Este Simposio deu lugar a unha colección, editada en colaboración co Consello da Cultura Galega e inicialmente dirixida por Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo.
En 2009 ve a luz a revista anual Estudos de Lingüística Galega, baixo a dirección de Rosario Álvarez. É a primeira revista en formato dixital da USC.
2011: 40.º aniversario do ILG
En 2011, ano en que o ILG celebra o seu 40.º aniversario, a Xunta de Galicia outórgalle a Medalla de Ouro de Galicia ao Instituto en recoñecemento do seu labor.
Neste mesmo ano, ofrécese unha versión ampliada en liña do Dicionario de pronuncia da lingua galega, baixo a dirección de Xosé Luís Regueira Fernández, que recolle a pronuncia das voces do dicionario da RAG xunto á de nomes propios e topónimos. Tamén se disponibiliza na rede o Arquivo do Galego Oral, coordinado por Francisco Fernández Rei e Carme Hermida. Trátase dun banco de textos que configura un atlas temático da oralidade galega con mostras de concellos de Galicia e das comarcas estremeiras de fala galega.
O proxecto internacional Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, iniciado en 2009 baixo a dirección de Rosario Álvarez, disponse en aberto na rede en 2014. Este banco de datos de léxico dialectal, no que colaboran 20 universidades de Galicia, Portugal e Brasil, ofrece información de 269 obras dos tres países.
En 2015, o ILG organiza na Facultade de Filoloxía da USC o III Congresso Internacional de Linguística Histórica, baixo o lema «Gallaecia», en homenaxe a dous dos seus máis destacados investigadores: Antón Santamarina e Ramón Lorenzo.
En 2017 preséntase Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade moderna, proxecto dirixido por Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane, que reúne nun repositorio dixital toda a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII. Neste mesmo ano, a revista LaborHistórico, editada pola Universidade Federal do Rio de Janeiro, publica un número monográfico, coordinado por Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo e dedicado ao contributo do ILG á lingüística galega.
En 2019 ofréceselle á cidadanía o recurso en liña Patrimonio léxico da Gallaecia, resultado do proxecto europeo do mesmo nome dirixido por Rosario Álvarez e María Álvarez de la Granja, que se alimenta dos datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. Esta ferramenta permite coñecer e visualizar as distintas denominacións existentes para un concepto no territorio da antiga Gallaecia.
Na entrevista a Rosario Álvarez publicada no número 191 de Grial (2011), pódese atopar máis información sobre este período, así como no artigo "O Instituto da Lingua Galega hai 40 anos", de Antón Santamarina, publicado no número 86 d'A Trabe de Ouro (2011).
2021: 50.º aniversario do ILG
Neste ano 2021 celebrouse o 50.º aniversario do ILG. Con tal motivo, realizáronse unha serie de actos conmemorativos e en homenaxe a Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, figuras fundamentais na traxectoria do Instituto desde os seus inicios.
A historia do ILG foi e é construída tanto polos investigadores e investigadoras responsables dos proxectos como polo persoal investigador e o de administración e servizos. O froito do seu labor recóllese con anterioridade, pero para alén dos resultados científicos, debemos destacar a convivencia e os vínculos establecidos entre as persoas que integraron e integran o Instituto.
O presente mira cara ao futuro
En 2020 saíu do prelo o Atlas Lingüístico Galego VII: O ser humano (II). Este novo volume, resultado dun dos proxectos fundacionais do ILG, está constituído por 294 mapas e ocúpase das cuestións relacionadas coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios. Nestes momentos está en marcha o proceso de dixitalización do atlas.
Tamén se puxeron en marcha dous proxectos que se alimentan da colaboración cidadá: DOA, dirixido por Xulio Sousa, e Lingua Viva, coordinado por Elisa Fernández Rei. No primeiro deles, as persoas poden contestar unha serie de formularios léxicos sobre distintas temáticas a través da rede e no segundo, incorporaranse distintas vías para interactuar coa cidadanía en volta da lingua galega.
Outro proxecto que botou a andar recentemente é Nós, no cal participa a USC a través do ILG (baixo a coordinación de Elisa Fernández Rei e Manuel González González) e do CiTIUS. Grazas á unión da lingüística e da intelixencia artificial a cidadanía poderá interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas.
O artigo “Investigar, elaborar, divulgar. O Instituto da Lingua da Universidade de Santiago de Compostela”, de Serafín Alonso Pintos, publicado en LaborHistórico 3 (2017), ofrece un percorrido pola historia do ILG. Tamén o editorial do número 118 d'A Trabe de Ouro (2021), editado por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, está dedicado aos 50 anos da institución.