O Instituto

O Instituto da Lingua Galega é un centro de investigación pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Desde a súa fundación, en maio de 1971, o Instituto vén despregando unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas e, ao tempo, no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que poñan ao dispor da comunidade académica e da sociedade no seu conxunto o coñecemento xerado no marco das actividades de investigación. Ademais, contribuíu decisivamente ao proceso de codificación ortográfica, gramatical, lexical e fonética do galego moderno.

O froito máis evidente do seu traballo son as numerosas publicacións vidas a lume nestes máis de corenta anos de vida, en particular nos terreos da dialectoloxía, a lexicografía, a edición de textos, a gramática, a onomástica, a historia da lingua ou a sociolingüística e, sobre todo nos últimos tempos, os córpora textuais e lexicográficos e outras ferramentas de consulta e explotación de datos lingüísticos que se ofrecen en liña.

O Instituto organiza ao longo do ano conferencias, seminarios e reunións científicas cos obxectivos de fomentar e orientar o traballo do persoal investigador novo, de favorecer a creación de espazos de encontro e colaboración entre o seu persoal e investigadores e investigadoras que desenvolven a súa actividade noutros centros e universidades, e de difundir e avaliar criticamente os resultados do seu traballo.

No desenvolvemento das súas actividades, o Instituto colabora activamente con persoal investigador e grupos de investigación de todo o mundo e mantén vínculos con diversas institucións públicas e entidades do país, e de xeito particular coas que forman parte da súa Xunta de Goberno, como son a Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega, e a Fundación Barrié, que vén prestando apoio ao Instituto xa desde as súas orixes.

Regulamento

Goberno

Órganos de goberno