Patrimonio léxico da Gallaecia
O proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia nace do interese por estudar a variación lingüística no territorio antigamente identificado como Gallaecia, que se considera espazo constitutivo do dominio lingüístico galego-portugués. O propósito principal é documentar e analizar a variación léxica nesta área nos campos léxicos asociados coa cultura patrimonial. O proxecto está coordinado desde o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e nel participan investigadores de centros universitarios do norte de Portugal. Tamén son obxectivos do proxecto:
- Elaborar un catálogo de obras que recollan léxico patrimonial.
- Tratar os materiais léxicos para integralos nun banco de datos consultable.
- Emprender o estudo da variación léxica dentro da Gallaecia desde distintas perspectivas.
- Promover e asesorar iniciativas que pretendan a transmisión e divulgación do léxico tradicional.
- Difundir na comunidade científica os resultados da investigación desenvolvida.
Este proxecto está integrado en Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: valoración e innovación (GEOARPAD, piloto 4), proxecto transfronteirizo enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP), que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.


