
Os materiais galegos do
Atlas Lingüístico
de la Península Ibérica
O proxecto
O proxecto Variación e cambio nos dominios galego e portugués no século XX ten dous propósitos fundamentais.
-
O primeiro é a revisión e clasificación completa dos materiais do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) correspondentes ás 62 localidades situadas no dominio lingüístico galego, co fin de realizar unha descrición completa e profunda da diversidade xeolingüística das falas rurais desta área na primeira metade do século pasado.
A área estudada foi delimitada no deseño inicial do ALPI seguindo a isoglosa que no occidente da península separa as solucións de Ĕ e Ŏ tónicos latinos (dente/diente, fonte/fuentei>).
-
O segundo propósito é emprender unha análise comparativa dos materiais do ALPI e da información rexistrada para proxectos de xeolingüística posteriores, fundamentalmente para o Atlas Lingüístico Galego (ALGa, 1974-1977).
A selección e o estudo de variables consideradas en proxectos distanciados no tempo preto de medio século permite coñecer os cambios lingüísticos que se produciron nas falas rurais galegas. Nesta fase o proxecto céntrase en aspectos fonéticos e léxicos.
O proxecto conta cun financiamento ligado á convocatoria de proxectos de I+D de xeración de coñecemento 2023 (MCIN/AEI), axuda PID2023-150684NB-I00; proxecto PID2023-150684NB-I00 financiado por MICIU/AEI /10.13039/501100011033 e por FEDER, UE.