Análise dialectométrica dos datos do Atlas Lingüístico Galego
A dialectometría é unha metodoloxía científica que xorde da alianza entre a xeografía lingüística e a taxonomía numérica. Este método permite sintetizar os datos dun atlas lingüístico por medio de procedementos estatísticos e axuda a recoñecer relacións e estruturas que por medio da simple observación dos datos quedarían ocultas.
A base de datos do ALGa (2711 preguntas de cuestionario realizadas en 167 localidades) permite unha explotación cuantitativa por medio do método dialectométrico. En canto na dialectoloxía tradicional se agrupan as falas en bloques e áreas por medio da selección duns cantos trazos considerados caracterizadores a priori (ditongación ou non ditongación de Ĕ e Ŏ latinos, caída ou preservación de –N- latino, etc.), o método dialectométrico permite agrupar áreas dialectais a partir da análise estatística de grandes cantidades de fenómenos dialectais que non están previamente xerarquizados, de xeito que é posible eliminar nalgún grao a subxectividade do analista. O estudo dialectométrico realizado polos investigadores do ILG segue o modelo creado por Hans Goebl, da Universidade de Salzburgo.
O tratamento numérico permite ademais análises de parámetros estatísticos coma a desviación típica, a asimetría dunha distribución, a correlación entre dúas distribucións de variación (variación na morfoloxía contra variación na fonoloxía, variación na morfoloxía contra distancia xeográfica). A representación xeográfica dos valores destes parámetros permite identificar patróns que non só agrupan os dialectos pola súa similitude, senón que mostran áreas máis conservadoras ou innovadoras, áreas de transición fronte a áreas con máis personalidade, etc. Do mesmo xeito, este método permite estudar os resultados xeográficos do contacto lingüístico, comparando o grao de penetración de castelanismos en cada dialecto ou a comparación entre os dialectos e a lingua estándar.