O ILG, no IV EMLex Colloquium on Lexicography
O xoves 30 de marzo, a Facultade de Filoloxía da USC acolleu a celebración da cuarta edición do EMLex Colloquium on Lexicography. Este coloquio, que leva por título "Lexicography, teaching experience and professional practice. Building bridges between lexicography and industry", inscríbese nunha serie de encontros anuais promovidos polo EMLex Consortium, entidade responsable do Erasmus Mundus European Master in Lexicography, que imparte a Universidade de Santiago de Compostela, xuntamente con diversas universidades e centros de investigación de Alemaña, Francia, Polonia, Hungría, Portugal e Suráfrica, e no que colabora o ILG.
O ILG participou nesta nova edición do coloquio, dentro da sección "Talk with us!". As investigadoras Marta Negro Romero e Sandra Beis Silva, xunto co profesor e investigador Francisco Dubert García, foron as encargadas de presentar algúns dos recursos lexicográficos do Instituto, como o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, o Dicionario de pronuncia da lingua galega, o Tesouro Informatizado da Lingua Galega ou o Dicionario de Dicionarios.