O Proxecto Nós participa no programa 'Modo Galego, actívao!'

O Proxecto Nós, desenvolto polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, sumouse á iniciativa Modo Galego, actívao!, un programa de inmersión lingüística promovido pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, que propón ao alumnado distintos retos diarios ou semanais ao longo de varios meses para fomentar o uso do galego. Nel participan simultaneamente todos os centros educativos públicos de Ames e procura a colaboración de todos os axentes implicados na educación, dentro e fóra das aulas, desde o profesorado e as familias ao monitorado de actividades e servizos complementarios.
No marco deste programa, o Proxecto Nós participou cun reto dirixido ao alumnado e ás súas familias centrado na doazón de voces en galego na plataforma Common Voice, co fin de mellorar a presenza do noso idioma no mundo dixital e a súa incorporación ao desenvolvemento de aplicacións baseadas na intelixencia artificial. Aínda que non se dispón nestes momentos de datos cuantitativos exactos sobre a participación nesta modalidade, xa que aínda se está a traballar no reconto, si se pode realizar unha avaliación cualitativa moi positiva. Desde a fin de semana na que se levou a cabo o reto, detectouse un incremento significativo de novos fragmentos de fala espontánea na plataforma, con centos de gravacións recentes que reflicten unha gran diversidade de voces.
As novas achegas inclúen voces de rapazas e rapaces de distintas idades e con diferentes xeitos de falar, que compartiron contidos moi variados: referencias aos seus instrumentos, libros, comidas, mascotas ou pasatempos favoritos, reflexións sobre o que lles gustaría facer no futuro, o valor da experiencia das persoas maiores ou cuestións sociais como o sistema electoral, a xestión dos cartos ou o cambio climático. Tamén se observou unha participación destacada das nais, pais e persoas titoras, que tanto gravaron intervencións propias coma acompañaron ás crianzas, axudándoas na lectura das preguntas e na creación do diálogo.
Desde o ILG valórase esta colaboración como un éxito e agradece o convite a participar en Modo Galego. Actívao! e a colaboración de todas as persoas que doaron a súa voz. Cómpre lembrar que a plataforma Common Voice permanece aberta á participación, contribuíndo así a reforzar a presenza do galego no ecosistema dixital.




