Reunión no Porto cos participantes do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Data: 
Tuesday, October 16, 2018 - 13:00
Imaxe: 

A investigadora Marta Negro Romero do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela mantivo un encontro o día 17 de outubro na Escola Básica e Secundária de Rebordosa (Porto) cos docentes e o alumnado participante no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolto dentro do Plan Proxecta, e integrado no proxecto coordinado desde o ILG Patrimonio léxico da Gallaecia. Este intégrase á súa vez no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Nesta reunión estivo tamén presente a investigadora do Centro de Linguística da Universidade do Porto Sónia Valente Rodrigues.

O  programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional púxose en marcha o ano lectivo pasado en cinco centros de ensino de Galicia e este ano proseguirá con novas incorporacións. Agora, ademais, quérese abrir a experiencia a centros do norte de Portugal. No blog do programa, que pretende promover a documentación e análise do léxico patrimonial entre o alumnado de secundaria, poden consultarse os materiais de traballo e algúns dos primeiros resultados obtidos.