Presentación do libro 'Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística'

O vindeiro luns 3 de novembro, ás 13 h, vai ter lugar na Facultade de Filoloxía a presentación do libro Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística, editado polos membros do Instituto da Lingua Galega Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso e publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG). No acto intervirán os editores do libro, Dolores Vilavedra, en representación do CCG, e algúns dos autores e autoras que participan no volume, que propón unha reflexión sobre como se constrúen, cuestionan e reformulan as identidades lingüísticas e as ideoloxías que as acompañan, tanto no contexto galego coma noutros escenarios multilingües.
Desde o humor e a performance ata os espazos educativos, familiares e dixitais, os estudos recollidos en Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística abordan temas centrais da sociolingüística contemporánea: o papel das persoas neofalantes, os conflitos arredor do estándar, a intermediación lingüística, o contacto entre variedades e as dinámicas de lexitimación e exclusión que operan sobre as linguas minorizadas. Na conxunción de enfoques teóricos e metodolóxicos diversos, as autoras e autores ofrecen unha visión ampla e crítica da diversidade lingüística como práctica social atravesada por tensións ideolóxicas.
Esta obra ponlle o ramo ao proxecto de investigación Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística, desenvolto no Instituto da Lingua Galega (2020-2024), e constitúe unha invitación a repensar o feito lingüístico desde a súa complexidade e pluralidade e mais a imaxinar comunidades lingüísticas máis xustas, inclusivas e conscientes da riqueza que supón a diversidade.





