Simposio ILG 2026. Lingua(s) e identidade(s) nas redes sociais: análise discursiva, oportunidade didáctica e revitalización lingüística
Data de inicio:
Viernes, Noviembre 24, 2023 - 15:30
Data de fin:
Domingo, Noviembre 26, 2023 - 20:00
As redes sociais convertéronse nun espazo central para a comunicación e para a construción e negociación das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións sobre as linguas que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Para as linguas minorizadas, estes espazos presentan un escenario complexo: ofrecen novas posibilidades de visibilización, creación de comunidades e transmisión lingüística, ao tempo que introducen condicionantes específicos, como a mediación algorítmica, a desigual presenza das linguas nas plataformas ou a circulación de discursos de estigmatización e odio.
O Simposio ILG 2026 quere reunir persoas investigadoras da análise do discurso, da sociolingüística e da didáctica da lingua, xunto con persoas dedicadas á creación de contidos, para pensar conxuntamente este escenario. O encontro aborda cuestións como as prácticas lingüísticas nas redes sociais, a creación de contido en linguas minorizadas, o multilingüismo, os discursos de odio contra o galego ou as posibilidades destes espazos como recurso para a investigación, a innovación docente e a transmisión lingüística.
Este evento enmárcase no proxecto IDEOLINGAL (PID2024-162675NB-I00) que está centrado no estudo das ideoloxías lingüísticas na sociedade galega e fai foco nas formas que estas adoptan e como se negocian no ámbito dixital. As diferentes intervencións permitirán atender tanto aos discursos e prácticas que circulan nas redes como ás posibilidades que estas ofrecen para ampliar os espazos de uso e de visibilidade do galego. O encontro terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC do 24 ao 26 de novembro de 2026.





