Presentación do volume: Contacto de linguas, hibrididade, cambio

Data: 
Martes, Enero 14, 2014 - 11:00
Imaxe: 

O martes 14 de xaneiro ás 11:00 h tivo lugar no Consello da Cultura a presentación do volume Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias.

O volume, organizado por un equipo internacional do que forman parte os profesores Eva Gugenberger (Universidade de Viena), Henrique Monteagudo (Universidade de Santiago) e Gabriel Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee, USA) vén a lume a través da colaboración entre o Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega. 

O propósito da obra é ofrecer visións innovadoras sobre o contacto lingüístico galego-castelán, alén dos paradigmas lingüísticos tradicionais, ademais de presentar estudos relevantes sobre o contacto desde outras perspectivas.

A lingüística contemporánea partiu da base de que a situación ideal das linguas é o monolingüismo, presuposto ao que se asocia a noción de que cada lingua constitúe un sistema pechado e autosuficiente. Nesa perspectiva, o contacto de linguas e os fenómenos a el asociados son considerados á luz das estratexias de investigación e os paradigmas desenvolvidos pola lingüística monolingüe. A obra presentada cuestiona estes presupostos e aborda sen complexos discusións e análises ocultas ata hai pouco. Sen dúbida, da análise audaz e profunda dos datos lingüísticos poderán saír novas estratexias e paradigmas que fagan da lingüística galega unha disciplina máis madura, actual e conectada coas tradicións lingüísticas circundantes.

Así mesmo, o Instituto da Lingua Galega da USC propón con este volume iniciar o estudo do contacto entre galego e portugués, dúas variedades pescudadas na súa dimensión histórica, pero só obxecto dunha mínima comparación en canto variedades xeográficas e totalmente inexploradas na súa dimension sociopragmática.