Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas

Data: 
Viernes, Febrero 21, 2014 - 18:00
Imaxe: 

Os días 21 e 22 de febreiro terán lugar na Facultade de Filoloxía as xornadas Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas nun contexto social en mudanza.

Nos últimos anos, o contexto social e sociolingüístico de Galicia está a sufrir profundas transformacións. A crecente desgaleguización do alumnado, o acelerado despoboamento rural ou a chegada de inmigrantes de orixes culturais diversas conforman un novo escenario para o ensino e aprendizaxe do galego. Completando o cadro, asistimos a un reforzamento de vellos prexuízos lingüísticos e a unha falta de compromiso para combatelos.

Neste contexto, parece necesario repensar o enfoque do currículo formativo en Lingua Galega e Literatura, atendendo a diversos aspectos, como a atención á diversidade sociolingüística do alumnado, as estratexias para a mellora de actitudes e para o fomento do uso instrumental do galego, a priorización de obxectivos, a introdución de novos recursos e metodoloxías no ensino da lingua, así como a coordinación coas outras materias de carácter lingüístico que conforman o currículo formativo do alumnado.

Estas xornadas, organizadas polo Departamento de Filoloxía Galega, o Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais e o Instituto da Lingua Galega, enmárcanse nun proxecto máis amplo que pretende reforzar os vínculos entre o profesorado de educación secundaria e o universitario, de tal modo que aos aspectos arriba considerados cómpre engadir outro, o da situación do ensino da lingua e a literatura galegas na universidade, en relación co ensino e aprendizaxe de tales contidos na educación secundaria.