Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Data: 
Jueves, Julio 19, 2018 - 14:00
Imaxe: 

Os centros de ensino IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES de Carral (Carral), CIFP Manuel Antonio (Vigo), IES Mendiño (Redondela) e IES A Pinguela (Monforte de Lemos) participaron este ano lectivo no programa, coordinado desde o ILG, “Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional”, acción do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Un dos obxectivos fundamentais do programa é promover o uso da lingua galega e o interese polo patrimonio, mediante a inmersión do alumnado na cultura tradicional e a súa interacción e diálogo coa veciñanza na procura de léxico herdado sobre nomes e usos tradicionais, tanto materiais (alimentación, medicina, artesanía) como inmateriais (toponimia, fraseoloxía, refraneiro, literatura popular, crenzas).

Os materiais de traballo, recursos e primeiros resultados poden consultarse no blog ilg.usc.gal/PaLeGa. Os centros participantes organizaron visitas e distintas actividades arredor do léxico patrimonial, documentaron con vídeos, audios e fotografías as entrevistas realizadas, elaboraron infografías, pequenos dicionarios etc. Algúns dos resultados son accesibles desde as páxinas dos propios centros. Ademais, o material léxico recollido polo alumnado pasará a integrar a base de datos do proxecto internacional Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.