Aberta a convocatoria para vincularse ao ILG

Data: 
Viernes, Mayo 30, 2025 - 23:45

O persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela interesado en vincularse ao Instituto da Lingua Galega poderá enviar a súa expresión de interese ata o 30 de maio de 2025. Esta convocatoria está dirixida a persoal con investigación en campos de interese para a actividade do centro (lingüística, filoloxía, tecnoloxías lingüísticas, ensino de linguas, literatura, estudos culturais, filosofía, comunicación, historia, antropoloxía, socioloxía…) e aliñados cos eixos definidos na Axenda Científica do ILG. As figuras que poden solicitar a vinculación son as seguintes:

  • Persoal docente e investigador (PDI) con relación estable e actividade investigadora coa USC (catedrático/a e titular de universidade, profesorado permanente laboral, profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito). No caso de profesorado axudante doutor, profesorado distinguido e profesorado emérito, a súa vinculación virá establecida pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.
  • Persoal investigador doutor de convocatorias de RRHH competitivas que posúa un compromiso de estabilización coa USC (por exemplo, Contratos Ramón y Cajal, Beatriz Galindo). O seu período de vinculación virá establecido pola vixencia da súa relación contractual coa entidade.

As expresións de interese serán persoais, xa que a vinculación aos Centros e Institutos de investigación da USC ten carácter individual (con independencia do grupo de investigación ao que pertenza a persoa candidata), e serán avaliadas por unha Comisión Asesora Externa atendendo aos méritos de investigación e á converxencia coas prioridades, cos obxectivos e coas liñas de investigación do ILG.

As expresións de interese deben ser enviadas ao enderezo electrónico ilgsec@usc.gal, utilizando o formulario que se achega, acompañado do CVA dos últimos dez anos.