Convocatoria de dúas axudas para estadías no ILG

Data: 
Martes, Marzo 24, 2026 - 23:45
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega (USC) da Universidade de Santiago de Compostela convoca para o ano 2026 dúas axudas para a realización de estadías no seu centro por parte de Persoal Docente e Investigador (PDI) visitante pertencente a calquera universidade ou institución de Educación Superior de fóra de Galicia. Estas axudas, financiadas con cargo a unha subvención do Ministerio de Cultura do Goberno de España, están destinadas á realización de actividades de investigación que se vinculen coa axenda científica do ILG. Esta convocatoria está suxeita ás seguintes bases reguladoras:

Primeira. Accións subvencionables

1.1. A convocatoria está destinada a subvencionar estadías de PDI procedente de calquera universidade ou institución de Educación Superior de fóra de Galicia para a realización de actividades de investigación que se vinculen coa axenda científica do ILG.
1.2. Concederanse axudas por un período mínimo de 2 semanas e máximo de 4 semanas. As estadías deberán rematar antes do 15 de novembro de 2026 e deben comezar despois da publicación dos resultados desta convocatoria. Non poderán realizarse no mes de agosto.

Segunda. Dotación das axudas

2.1.  As axudas cubrirán exclusivamente gastos de desprazamento, mantenza e aloxamento.
2.2. O Instituto asignará a cada axuda un importe máximo de mil cincocentos euros (1500 €), independentemente de que os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento superen esa cantidade. No caso de que os gastos sexan inferiores a 1500 €, aboarase o importe efectivamente xustificado. No caso de que a persoa beneficiaria reciba outra axuda polos mesmos conceptos, aterase ao exposto no apartado 8.2 desta convocatoria.
2.3. O aloxamento será en cuarto individual no Sistema Universitario de Residencias (SUR). No caso de que non haxa dispoñibilidade para as datas da estadía propostas, o ILG farase cargo dun máximo de 65,97 €/día, de acordo coa tarifa establecida no Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, sen superar en ningún caso a cifra de 1500 €.
2.4. O importe da axuda en concepto de mantenza será de 37,40 €/día de acordo coa tarifa establecida no Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Terceira. Presentación de solicitudes

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria. O prazo afecta tanto á presentación da solicitude a través deste formulario como ao envío da documentación complementaria que se debe achegar a través de correo electrónico e que se sinala na base seguinte.
3.2. As solicitudes deben presentarse a través deste formulario. A documentación complementaria debe enviarse por correo electrónico á secretaría do Instituto da Lingua Galega (ilgsec@usc.gal). A documentación que se debe presentar por correo electrónico é a seguinte:
1. CV dos dez últimos anos
2. Copia do DNI ou do pasaporte do PDI visitante
3. Documento debidamente cuberto onde se recolla a motivación da persoa solicitante para realizar unha estadía no ILG e os obxectivos desta; as actividades que se pretenden desenvolver durante o período da estadía para alcanzar eses obxectivos; e os resultados previstos, destacando o valor e beneficio que se derivan para o ILG. Debe empregarse o modelo dispoñible no Anexo 1
3.3. A presentación da solicitude implicará coñecer e aceptar o contido da presente convocatoria. O incumprimento dos requisitos establecidos nesta convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de exclusión.
3.4. As resolucións e os actos derivados da presente convocatoria publicaranse na páxina web do ILG e na Sede Electrónica da USC.

Cuarta. Resolución de solicitudes admitidas e excluídas

4.1. Dentro dos 15 días seguintes despois de finalizado o prazo de presentación de solicitudes e antes da súa valoración, a Comisión de Selección publicará na súa páxina web e na Sede Electrónica da USC a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas.
4.2. As persoas solicitantes excluídas poderán xustificar o seu dereito a ser admitidas no prazo de 5 días naturais contados a partir do día seguinte da publicación da relación provisional, quedando excluídas definitivamente de non facelo. Finalizado o prazo para reparar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión, publicarase a lista definitiva, xunto á proposta de adxudicación de axudas derivadas da base seguinte.

Quinta. Avaliación e selección

5.1. A Comisión de Selección estará integrada polos membros da Comisión Permanente do Instituto da Lingua Galega.
5.2. Para a adxudicación das axudas valoraranse os seguintes aspectos:
• Relevancia e viabilidade das actividades que se realizarán na estadía
• Vinculación das actividades propostas coa axenda científica do ILG
• Resultados esperados, destacando o seu valor e interese para o ILG
• Motivación para a realización da visita
• Currículum vítae
• Claridade expositiva
5.3. Concederanse un máximo de dúas axudas. Se só unha das propostas obtén avaliación positiva, concederase unha única axuda. Se ningunha resulta avaliada positivamente, a convocatoria declararase deserta.
5.4. A Comisión de Selección poderá crear unha lista de agarda que se activará no caso de que algunha das persoas seleccionadas renuncie á axuda concedida.

Sexta. Proposta de candidaturas seleccionadas e listaxe de agarda

6.1. Efectuada a valoración, a Comisión de Selección procederá á publicación da proposta provisional de adxudicación das axudas na Sede Electrónica da USC e na páxina web do ILG coa indicación dunha lista ordenada das candidaturas seleccionadas e, de ser o caso, a correspondente lista de agarda.
6.2. Contra esta proposta as persoas interesadas poderán presentar alegacións no prazo de 5 días naturais, contados a partir do día seguinte da súa publicación. Transcorrido este prazo e analizadas, de ser o caso, as alegacións, publicarase a proposta definitiva.
6.3. O prazo máximo de resolución será de 1 mes contado a partir do día seguinte á data de publicación da adxudicación provisional. O efecto do silencio administrativo será desestimatorio.

Sétima. Obrigas das persoas beneficiarias das axudas

O PDI beneficiario das axudas deberá:
7.1. Posuír un seguro médico e de responsabilidade civil con validez en España durante todo o período da súa estadía no ILG.
7.2. Presentar unha memoria final da estadía no formulario establecido (Anexo 2). Este documento deberá ser entregado na secretaria do ILG (ilgsec@usc.gal) no prazo máximo de quince días a contar dende a data de remate da estadía.
7.3. Facer constar, en toda publicación, comunicación científica ou resultado de difusión derivado da estadía, a realización desta e o financiamento recibido ao abeiro da presente convocatoria.
7.4. Comunicar ao ILG a obtención de calquera outra axuda destinada á mesma finalidade, tal e como se detalla no apartado 8.2 desta convocatoria.

Oitava. Pagamento da axuda

8.1. O pagamento da axuda está condicionado:
a) á presentación por parte da persoa visitante das facturas de desprazamento e aloxamento no prazo máximo de quince días contados desde a data de finalización da estadía;
b) á presentación, no prazo máximo de quince días contados desde a data de finalización da estadía, da memoria final conforme ao formulario establecido no Anexo 2;
c) á realización das actividades previstas na solicitude, sen prexuízo de que poidan xustificarse na memoria desviacións debidamente motivadas;
d) á comprobación da veracidade da información recollida na memoria, reservándose a entidade convocante o dereito a non aboar a axuda no caso de constatarse inexactitudes ou incumprimentos substanciais.
8.2. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicar ao ILG a obtención de calquera outra axuda destinada á mesma finalidade, tal e como se sinala no apartado 4 da base sétima desta convocatoria. No suposto de recibir financiamento complementario para desprazamentos, aloxamento ou manutención, o ILG aboará unicamente a contía necesaria para cubrir a parte non subvencionada pola outra axuda, sen que, en ningún caso, a achega do ILG poida superar os 1500 € por persoa beneficiaria e sen que a suma total das axudas percibidas polos conceptos indicados exceda o gasto efectivamente realizado e
debidamente xustificado. O incumprimento desta obriga dará lugar á perda total ou parcial da axuda concedida e poderá comportar o reintegro das cantidades percibidas en exceso, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen proceder.
8.3. A aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria implica a aceptación das normas fixadas nesta convocatoria.

Novena. Réxime xurídico

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desdeo día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998,do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito ata que non se dite a resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.