Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza

Data: 
Jueves, Enero 18, 2018 - 16:30
Imaxe: 

A editora aCentral Folque de Santiago de Compostela editou unha escolla das pezas musicais recollidas entre os anos 1964 e 1968 en diversos puntos de Galicia polo folclorista, antropólogo histórico e investigador danés Gustav Henningsen. O libro leva por título Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 e inclúe, ademais da letra das cantigas, unha selección de fotografías realizadas durante a estadía de Henningsen en Galicia, así como un CD con 38 pezas. Os coordinadores do volume son os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa.

Na década de 1960 Gustav Hennignsen percorreu varias zonas de Galicia (especialmente a comarca de Ordes) co fin de fornecerse de material para un traballo académico sobre crenzas tradicionais, especialmente arredor das meigas e os endemoñados, subvencionado pola Universidade de Copenhaguen e o Consello Dinamarqués de Investigacións Científicas. Ao mesmo tempo, o investigador realizou tamén gravacións de lendas tradicionais e cantigas populares, e estas últimas son as que serven de base ao volume que agora se publica. Este material foi doado en 2009 ao ILG da USC e foi a orixe do proxecto Transcrición dos textos orais do arquivo etnográfico do profesor Gustav Henningsen, coordinado polo investigador Xulio Sousa coa colaboración de Sandra Vázquez Núñez. O desenvolvemento desta acción deu como resultado a transcrición de máis de 150 horas de gravacións, que constitúen unha interesantísima achega sobre a lingua e a cultura galega de mediados do século pasado. Desde 2015 este conxunto de gravacións conforman a Colección Henningsen dentro do Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego.