Investigadores do ILG participan nun volume sobre a diverxencia diacrónica nas linguas iberoccidentais

A prestixiosa editorial De Gruyter acaba de publicar o volume colectivo Diachronic divergences in West Iberian languages, unha obra editada por Manuel Delicado Cantero, Fernando Tejedo-Herrero e Patrícia Amaral. O libro combina sólidas perspectivas teóricas con datos empíricos históricos para afondar no coñecemento da diverxencia lingüística en linguas tipoloxicamente relacionadas como o galego, o portugués, o asturleonés e o castelán. A estrutura da obra divídese en catro grandes bloques temáticos: dominios nominal, verbal e clausal, negación e polaridade.
Esta publicación internacional destaca pola presenza dos investigadores do Instituto da Lingua Galega Carme Silva-Domínguez, Francisco Dubert-García e Xulio Sousa, que asinan tres dos capítulos do volume no ámbito do galego e da súa evolución diacrónica.
No primeiro bloque, dedicado ao dominio nominal, Silva achega o traballo titulado "Innovative possessive structures in current European Spanish and Galician: Diachronic evidence from literature". O seu estudo aborda a alternancia entre as estruturas con e sen artigo nas frases nominais con posesivo en galego e español europeo a partir dos principais corpus escritos de ambas as linguas. A autora analiza as consecuencias do contacto lingüístico e discute a progresiva eliminación da variante sen artigo na sintaxe galega.
Pola súa parte, Dubert participa no apartado do dominio verbal co capítulo "Divergence in the evolution of the 2Pl suffixes of the northwestern Ibero-Romance verb". Esta investigación estuda a gran variación que presenta a expresión da segunda persoa do plural nos verbos do iberorromance noroccidental. O investigador agrupa as variantes dialectais dos sufixos a través de procesos fonolóxicos e morfolóxicos históricos, ilustrando casos de analoxía, nivelación e os efectos do contacto interdialectal.
Finalmente, no ámbito do dominio clausal, Sousa asina o capítulo "Personal/inflected infinitives: Divergences among West Iberian languages" en coautoría con Aroldo Andrade. O texto analiza a distribución e as propiedades das cláusulas de infinitivo persoal e flexionado ao longo do tempo. A través de datos de corpus, os autores constatan a expansión do infinitivo flexionado en portugués en contraste coa súa regresión no galego e no asturleonés, vinculando o caso galego a factores sociolingüísticos e históricos, así como á influencia do castelán.
O volume péchase cunha reflexión global sobre os achados arredor da diverxencia e subliña a relevancia de incorporar as linguas iberoccidentais nos debates teóricos para ampliar a evidencia empírica dispoñible na investigación actual sobre o cambio lingüístico.





