Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa

Data: 
Sábado, Octubre 25, 2014 - 10:45
Imaxe: 

Unha monografía sobre a fronteira galego-portuguesa, editada polos investigadores do ILG Xulio Sousa, Marta Negro Romero e Rosario Álvarez, acaba de ser publicada dentro da colección «Ensaio&Investigación» do Consello da Cultura Galega.

A obra é unha recompilación de dez traballos nos que se abordan desde unha perspectiva xeográfica, histórica, antropolóxica e lingüística as razóns e as consecuencias da división en dous do espazo constitutivo do protorromance galego, e que deu lugar ás linguas galega e portuguesa.

A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións e as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume, no que se analizan tamén os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.

Mediante esta monografía preténdese propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, crear un espazo de encontro para as olladas pluridisciplinares e crear novo coñecemento con renovación en métodos e resultados. O volume, dedicado a William Kavanagh (1947-2014), estudoso do significado e relevancia das fronteiras que finou pouco antes da publicación desta obra, reúne dez contribucións orixinais de catorce especialistas, nunha triple perspectiva: histórica, antropolóxica e lingüística.