O proxecto Nós dá a coñecer os seus tres primeiros prototipos

Data: 
Martes, Junio 6, 2023 - 17:30
Imaxe: 

As tres primeiras ferramentas dispoñibles do proxecto Nós, desenvolto polo ILG e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estes dous últimos prototipos estarán dispoñibles proximamente en aberto e de balde para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise.

O reitor da USC, Antonio López; o director do CiTIUS, Senén Barro; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, presentaron este luns 5 estas novas ferramentas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.