O Validatón pechou a súa segunda edición con 10.000 fragmentos gravados e validados en Common Voice

Data: 
Viernes, Abril 11, 2025 - 12:30
Imaxe: 

Onte pola tarde rematou no Instituto da Lingua Galega o Validatón 2025, maratón de validación de fragmentos de voz en galego para contribuír á creación de recursos para a nosa lingua en Common Voice, unha plataforma pública de datos de voz. A actividade, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e mais o Proxecto Nós, dirixiuse a estudantes da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e constou de dúas fases. Na primeira, que se desenvolveu en liña, o alumnado puido participar dende calquera lugar realizando contribucións a Common Voice. A segunda fase foi a que se desenvolveu presencialmente no Instituto de 16.00 a 20.00 horas e finalizou coa entrega de premios. 

Unha trintena de persoas, entre alumnado inscrito e voluntarias/os do Proxecto Nós e do ILG, participou no maratón na fase en liña e/ou presencialmente. Grazas a elas conseguíronse 13 h de contribución total aos datos de voz en galego en Common Voice, das que aproximadamente 6 h son de gravación, e acadáronse arredor de 10.000 fragmentos gravados e validados. Na sesión presencial creáronse case 2.000 frases que contribuirán a incrementar o número e a diversidade dos enunciados dispoñibles para a súa lectura na plataforma Common Voice.

Noa Sobrino Lamas foi a gañadora global da competición por ser a que máis contribucións realizou; Víctor Pose Pose foi premiado na modalidade de "Gravación de fragmentos de voz"; Álex Rodríguez Guisantes na de "Validación de audios", e Lucía López Lires na de "Xeración de frases". As catro persoas premiadas recibiron os premios en metálico da man das persoas representantes de Atlantic Ponte e Imaxin Software, empresas patrocinadoras do evento. A directora do ILG, Elisa Fernández Rei, agradeceulles a participación tanto a elas como ao resto das persoas que se inscribiron na competición e animounas a seguir a colaborar en vindeiras edicións. 

As persoas presentes onte no noso centro puideron ademais gozar dunha merenda, momento en que se sortearon os agasallos sorpresa que conseguiron sacar algún que outro sorriso.