Publícase un informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do IGE
Data:
Jueves, Marzo 13, 2025 - 13:45
Imaxe:

Os membros do ILG Henrique Monteagudo e Gabino S. Vázquez son os autores xunto a Xaquín Loredo do Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023: Análise da enquisa sobre coñecemento e uso do idioma galego (2023) e da evolución sociolingüística de Galicia (1992-2023), publicado pola Real Academia Galega. Este estudo analiza a vitalidade do idioma galego a partir dos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2023. Achéganse nel as cifras máis relevantes e discútense os aspectos máis salientables, polo que se ofrece como un instrumento necesario para o diagnóstico da situación social do galego e a avaliación das políticas lingüísticas das últimas décadas.
Entre as principais conclusións, o informe establece que “por primeira vez, o galego perde a condición de lingua habitual da maior parte da poboación. Nas dúas últimas décadas, o número de galegofalantes (monolingües ou bilingües) descendeu en 400.000 individuos, mentres que o de falantes de castelán se incrementou en 380.000 individuos “. A peor situación para a lingua atópase na xente máis nova: “as respostas (fala) sempre en galego e máis en galego ca en castelán suman o 16%, o que supón aproximadamente 34.000 galegofalantes de 5 a 14 anos, fronte a uns 180.000 do castelán. A caída nas dúas décadas que van desde 2003 a 2023 é descomunal”.
A panorámica presentada nesta análise apunta á necesidade de poñer en marcha, de forma urxente, políticas eficaces que revertan a situación de devalo do idioma de noso.