Resolución definitiva da asignación de axudas para estadías no ILG

Data: 
Miércoles, Mayo 6, 2026 - 13:00
Imaxe: 

Acaba de facerse a pública a resolución definitiva de asignación de dúas axudas para a realización de estadías de investigación no Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela. As dúas persoas seleccionadas son Leticia-Tian Zhang, da Beijing Foreign Studies University, e Manuel Delicado Cantero, da Australian National University. Zhang, que estará no ILG no mes de xullo, vai analizar a presenza do galego en contidos dixitais chineses e elaborará un corpus que permitirá a análise discursiva das interaccións, así como a creación dun módulo didáctico piloto para o ensino do galego en contextos chineses. Pola súa parte, Delicado vai traballar sobre a sintaxe do galego desde unha perspectiva diacrónica na primeira quincena de novembro dentro dun proxecto colaborativo que dará lugar a unha publicación sobre o tema xunto á investigadora colaboradora do ILG M.ª Carmen Parafita Couto.

A comisión de selección, integrada polos membros do Instituto María Álvarez de la Granja, Francisco Dubert García, Elisa Fernández Rei, que exerceu como presidenta, Xosé Luís Regueira Fernández e Florentina Xoubanova Montero, avaliou as solicitudes de 14 investigadores e investigadoras de universidades de Alemaña, Australia, Brasil, Cuba, China, India e Portugal.