Xulio Sousa nun encontro da rede CLARIAH-ES

Data: 
Viernes, Junio 16, 2023 - 18:15
Imaxe: 

O investigador do ILG Xulio Sousa participou os días 15 e 16 de xuño nun encontro na Universidade de Alicante para crear a infraestrutura da rede estratéxica CLARIAH-ES. Esta rede está pensada para apoiar e contribuír á xestión e á coordinación nacional dos Consorcios Europeos de Infraestruturas (ERIC) de investigación: CLARIN (centrada en datos e procesos dixitais relacionados coa linguaxe) e DARIAH (centrada en datos e procesos dixitais relacionados coas humanidades dixitais).

Durante estes dous días departiuse sobre a xestión do proxecto, a infraestrutura CLARIAH-ES, as ferramentas de comunicación e difusión, así como sobre a folla de ruta común de todas as universidades participantes.

O obxectivo da rede CLARIAH-ES é promover a participación das investigadoras e investigadores españoles nas infraestruturas europeas CLARIN e DARIAH co fin de incrementar os proxectos de investigación, a produción científica e mellorar o posicionamento nacional e internacional nas áreas das Humanidades, Artes e Ciencias Sociais.