Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual

Portada: 
Autor: 
Xosé Luís Regueira, Elisa Fernández Rei (eds.)
ISBN: 
978-84-92923-82-3
Editoriais: 
Consello da Cultura Galega
Páxinas: 
326
Data de publicación: 
2017
Descrición: 

A lingua galega está a experimentar fondas mudanzas nos últimos decenios, debido ás transformacións sociais que se produciron neste tempo e debido tamén ao contacto co español. Non obstante, ata o momento poucos estudos se teñen levado a cabo sobre estes cambios. Este volume recolle unha colección de traballos que tratan diferentes aspectos do cambio lingüístico. Ademais dalgúns capítulos de interese teórico e metodolóxico, a maioría dos estudos céntrase en explorar as repercusións desas mudanzas, con especial atención ás relacionadas co contacto de linguas e co contacto de variedades. Os traballos foron realizados por persoas investigadoras de prestixio internacional mais tamén se inclúen novas voces que traballan en liñas innovadoras, con achegamentos metodolóxicos diferentes, canda outros que supoñen o refinamento de metodoloxías clásicas e ben establecidas. Desde estas perspectivas, os temas tratados abranguen o estudo da lingua dos neofalantes, a creación de identidades no discurso, a escrita electrónica, a percepción da variación dialectal e da variación fonética, a mudanza en tempo real na lingua tradicional e as relacións entre diacronía e sincronía en certos aspectos da morfoloxía flexiva, entre outros. Por tanto, resulta de grande interese para a investigación sobre cambio lingüístico ou sobre variación e contacto na lingua galega, tanto para persoas que se inician na investigación coma para especialistas nestas liñas. Ao tempo, serve para establecer tamén o estado do coñecemento e da investigación sobre o galego, e en consecuencia tamén é útil para redefinir as prioridades de investigación de boa parte da lingüística galega.