Imaxe do dicionario
Autor@s do deseño e estrutura do dicionario / Authors of the design and structure of the dictionary: María José Domínguez Vázquez (dir), Lola Mosquera Sánchez, Deborah Chidimma Nebechukwu, U-Tong Sih - EMLex

Mulleres na Lexicografía / Women in Lexicography

GAL O principal obxectivo deste dicionario é visibilizar e reivindicar a mulleres relevantes no eido da lexicografía. O traballo ofrece información sobre a súa vida, traxectoria profesional, así como a súa bagaxe social e cultural. Destaca especialmente a súa contribución á lexicografía nos seus respectivos contextos. Esta obra desenvólvese como proxecto didáctico de aprendizaxe colaborativa no...
Ver descrición
Dong, Maa-Neu

Creado por utongsih o 09/01/2026 ás 12:09.

Nome / Name

Maa-Neu Dong (En tao/yami: si Somapni) (En chinés : 董瑪女Dǒng Mǎnǚ)

Foto / Photo
Linguas de traballo / Work languages

Chinés, tao/yami

Información biográfica / Biographical information

1957, na vila de Yuren (tao/yami: Iratay), concello de Lanyu, condado de Taitung, Taiwán.

Traxectoria profesional / Career description

A primeira experiencia de Maa-Neu Dong relacionada coa preservación da súa lingua materna tivo lugar á idade de 11 ou 12 anos, cando aínda era unha estudante. Daquela, unha misioneira canadense chamada Grace Irene Wakelin (en chinés魏克琳) predicaba na illa nativa de Dong. Wakelin compilou un Novo Testamento escrito en yami/tao, utilizando Zhuyin, o sistema fonético máis habitual en Taiwán para transcribir chinés. Baixo a orientación de Wakelin, Dong aprendeu a escribir na súa propia lingua. En 1980, Dong empezou a traballar no Instituto de Etnoloxía da Academia Sinica de Taiwán. Foi contratada como investigadora axudante por Pin-Hsiung Liu, un investigador do mesmo instituto, quen lle encargou a transcrición do Novo Testamento ao alfabeto latino. Liu posteriormente solicitou un proxecto para Dong e esta regresou a Lanyu para recoller tradicións orais, transcribilas tamén ao alfabeto latino e traducilas ao chinés. En 1990, Dong iniciou o seu traballo no Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN) de Taichung, en Taiwán. No tempo de lecer, empezou a compilar pola súa propia iniciativa un dicionario de tao/yami, pero non conseguiu os resultados agardados debido á falta de experiencia, ata que, ao redor de 1995, coñeceu a profesora Victoria Rau nun seminario en Taipei sobre linguas aborixes organizado polo Ministerio de Educación de Taiwán. Dado que Dong buscaba alguén con quen poder colaborar no proxecto do dicionario, as dúas decidiron axiña combinar os seus coñecementos e traballaron xuntas desde ese momento. Examinando os seus traballos lexicográficos previos, Dong sinalou na entrevista que lle realizamos os seguintes grandes desafíos que foi atopando: 1. Termos culturais: A causa das diferenzas entre o espazo vital do pobo tao e a esfera cultural chinesa, moitos termos ictiolóxicos tiveron que ser verificados individualmente para comprobar se tiñan equivalencia en chinés. Ademais, a sociedade tao/yami tradicionalmente distribuía as ocupacións segundo o xénero e os homes tiñan a tarefa de pescar e as mulleres a de tecer, de xeito que a discriminación dos termos ictiolóxicos dependía exclusivamente do coñecemento dos falantes masculinos de tao/yami. Por outra banda, a tradución dos nomes de meses e estacións non foi menos complexa, debido ao feito de que os membros do pobo tao nomean os meses segundo as súas tempadas de pesca (a diferenza do chinés, onde os nomes dos meses se numeran, é dicir, xaneiro = lit. "primeiro mes") e debido tamén ao feito de que un ano non se divide en catro estacións, pois Lanyu está nunha zona climática diferente. 2. Polisemia: algunhas palabras en tao tradúcense de xeito diferente segundo o contexto. Un exemplo é a palabra "rahet", que significa "malo" e "peixe só comestible para os homes", e a falta de contexto fixo adoito que as tarefas de tradución fosen desalentadoras. 3. Termos abstractos: os referentes destes termos dificilmente puideron determinarse mesmo despois de consultar cos anciáns da tribo, xa que a súa longa explicación ás veces podía provocar aínda máis confusión. Despois da xubilación de Dong do MNCN, permaneceu no equipo para a preservación da lingua. Ao mesmo tempo, continuou participando en numerosas actividades vinculadas co ensino de tao/yami e na actualidade está preparando unha ampliación dos seus dicionarios. Durante a nosa entrevista, Dong indicou que aínda que os membros máis novos do pobo tao xa non dominan ben a súa lingua nativa, a recente tendencia á revitalización lingüística levou a algúns mozos interesados de volta a Lanyu, onde melloraron as súas habilidades lingüísticas interactuando cos anciáns. Dong desexa que os individuos das vindeiras xeracións poidan dominar o sistema de escritura actual do tao e beneficiarse dos materiais didácticos que recompilaron ata agora. Esperamos que, neste marco de revitalización lingüística, poidan seguir transmitindo a lingua e a cultura tao.

Publicacións relevantes e contexto sociocultural / Relevant publications and socio-cultural background

● Dong, Maa-Neu & / D. Victoria Rau, D. Victoria (2008). (Dicionario para aprender yami) (en chinés ). Providence University, Taiwán. https://museum02.digitalarchives.tw/teldap/2008/yamibow/index_TAO.htm ● Rau, Victoria / Dong, Maa-neu / Chang, Ann Hui-Huan / Rau, Daniel E. /Rau, Gerald A. (Eds.). (2012). 達悟語詞典 (Dicionario Yami (Tao)). National Taiwan University Press. Vista previa accesible en: https://issuu.com/ntupress/docs/9789860325195 ● Rau, Victoria / Dong, Maa-neu / Chang, Ann Hui-Huan (Eds.). (2018). 達悟語聖經詞典 (Dicionario bíblico yami). The Bible Society in Taiwan. http://www.ccunix.ccu.edu.tw/~lngrau/Yami%20Bible%20Web/0809-mix.html

Ligazóns / Links

Extracto Rau, Victoria /Dong, Maa-neu/ Chang, Ann Hui-Huan / Rau, Danie lE. /Rau, Gerald A. (eds.). Rau, Victoria, Maa-neu Dong e Ann Hui-Huan Chang con Daniel E. Rau e Gerald A. Rau (Eds.). (2012). 達悟語詞典 (Dicionario Yami (Tao)). National Taiwan University Press. Dispoñible en liña: https://museum02.digitalarchives.tw/validUser?from=/teldap/2008/yamibow/index_TAO.htm GAL O dicionario inclúe 6084 entradas e ofrece as seguintes vías de acceso: 1. Lemas en yami (ben alfabeticamente, ben segundo a raíz da palabra) 2. Equivalentes en chinés (ordenados fonoloxicamente de acordo coa transliteración en Zhuyin) 3. Equivalentes semánticos en inglés. ENG The dictionary includes 6,084 entries and offers the following access routes: 1. Yami lemmas (either alphabetically or according to word stem) 2. Chinese equivalents (phonologically ordered according to transliteration of Zhuyin) 3. English semantic equivalents.

Extractos de obras / Excerpts from work(s)
Presenza nos medios / Media presence

生命力. (2013, March 21). 攜手二十年‭ ‬達悟語詞典傳承不朽 [Video, en chinés]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=7ENsJOMSPYc‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬‬

Fontes / Sources

1. Referencias : Rau, Victoria & Yang, Meng-chien. (2012). 「達悟語線上詞典」的故事 (‘A historia detrás do dicionario en liña de tao’ behind Tao . En Taiwan Digital Archives Expansion Project. https://content.teldap.tw/index/blog/?p=3503 2. Foto: correspondencia privada .

Aut@r da entrada / Author of the entry

U-Tong Sih

Tradución da entrada / Translation of the entry

María Álvarez de la Granja

Autor@s do deseño e estrutura do dicionario / Authors of the design and structure of the dictionary: María José Domínguez Vázquez (dir), Lola Mosquera Sánchez, Deborah Chidimma Nebechukwu, U-Tong Sih - EMLex. 2000. Mulleres na Lexicografía / Women in Lexicography. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 14/01/2026 ás 03:54].

Inicia sesión para deixar un comentario.

Comentarios