Mulleres na Lexicografía / Women in Lexicography
Anna Maria Gallina
Español e Italiano
Profesora da Universidade de Padua e lexicógrafa. Anna Maria Gallina naceu o 1 de outubro de 1919 en Mira (Venecia). Licenciouse en Linguas e literaturas estranxeiras coa especialización de lingua española, en 1943, no Real Instituto Universitario de Economía e Comercio da Universidade Ca’ Foscari de Venecia. Logo dun breve período de docencia en Secundaria, en 1950 comezou a traballar como Lectora de Lingua española na Facultade de Letras da Universidade de Padua. Pouco tempo despois, en 1953, obtivo a praza de profesora na Facultade de Ciencias Políticas da mesma universidade, cargo que desenvolveu ata a súa xubilación en 1985, impartindo materias de Lingua Española, cun orientamento didáctico eminentemente práctico. Finou en Mira (Venecia) o 12 de xuño de 2011.
O labor investigador de Anna Maria Gallina deu como resultado numerosas publicacións que avalan a súa capacidade e rigor. Na bibliografía recollemos unicamente obras e artigos relacionados coa historiografía lexicográfica do español, que seguen a ser un referente no seu campo. Tamén dedicou unha parte da súa produción a estudos de didáctica do castelán, entre os que se atopan varios manuais, cun enfoque tradicional e comunicativo (gramática, libro de exercicios, curso de castelán...), orientados á docencia impartida por Anna Maria Gallina na Facultade de Ciencias Políticas (Castillo 2018). No que atinxe ao eido da lexicografía práctica, publicou tres pequenos dicionarios coa editorial milanesa Mursia, nos que amosa un profundo coñecemento do castelán e unha técnica lexicográfica sinxela e coherente. Trátase de dous dicionarios especializados e un terceiro de tipo xeral. Todos eles son unidireccionais, dado que están orientados a usuarios italianos. Tendo en conta o tipo de información proporcionada na microestrutura, especialmente nos artigos correspondentes á parte castelán-italiano, a súa finalidade é a comprensión e a tradución de textos españois.
En 1986 publicou o Dizionario politico, economico, commerciale spagnolo-italiano, italiano-spagnolo. En 1990 o Dizionario spagnolo-italiano italiano-spagnolo e en 1992 o Dizionario commerciale: spagnolo-italiano, italiano-spagnolo (vid. bibliografía). Estes dicionarios especializados non tiñan antecedentes en Italia e o seu lemario conta, respectivamente, con pouco máis de 7000 entradas (1986) e case 15.500 (1992). O dicionario de tipo xeral, en cambio, ten unhas 50.000 entradas. A estrutura destas obras é bastante sinxela, no estilo dos dicionarios compactos. As equivalencias son sempre axeitadas e as palabras culturais presentes no dicionario xeral adoitan contar cunha definición. Fai un uso das marcas lexicográficas proporcionado e correcto e emprega convenientemente, cando cómpre, as discriminacións de significado. Os exemplos e as unidades pluriverbais figuran baixo o apartado da fraseoloxía, que funciona a modo de “caixón de sastre”. En opinión de Cesáreo Calvo, "Si bien estos diccionarios (y en particular Gallina 1990) suponen un paso adelante en el panorama lexicográfico italoespañol, el vacío que había que cubrir era tan grande que por sí solo este diccionario no fue capaz de hacerlo. Son apreciables los esfuerzos por recoger numerosa fraseología, algunos neologismos, un cierto número de elementos coloquiales, pero son relevantes ciertas ausencias como las de los americanismos o el léxico vulgar." (Calvo 2008, p. 336). A novidade e coherencia destas obras, o sentido práctico das mesmas e o feito de ter sorteado erros que os dicionarios de maior tamaño seguían reproducindo ata aquel momento, demostran os coñecementos e a capacidade da autora, que sempre traballou de xeito individual. Se Anna Maria Gallina tivese conseguido formar un equipo que lle permitise abordar proxectos máis ambiciosos, probablemente, hoxe en día gozariamos dunha produción lexicográfica italoespañola maior e mellor. Bibliografía lexicográfica de Anna Maria Gallina: 1955 - “Un intermediario fra la cultura italiana e spagnola nel sec. XVI: Alfonso de Ulloa”, en Quaderni ibero-americani, vol. 3, pp. 4-12. 1956 - “Un antico dizionarietto spagnolo-italiano”, en Quaderni Ibero Americani, vol. 24, pp. 601-604. 1957 - “Osservazioni sulla lessicografia italo-spagnola dei sec. XVI e XVTI”, en Filología romanza, 1, 13, pp. 398-435. 1959 - Contributi alla storia della lessicografia italo-spagnola dei secoli 16. e 17, L. S. Olschki, Firenze. 1986 - Dizionario politico, economico, commerciale spagnolo-italiano, italiano-spagnolo, Mursia, Milano, 351 pp. 1990 - Dizionario spagnolo-italiano italiano-spagnolo, Mursia, Milano, XXVI, 826 pp. [Reedición 1997]. 1991 - “La lexicographie bilingue espagnol-italien, italien-espagnol”, en Hausmann F. J. et al. (eds.), Wörterbücher/Dictionaries/Dictionnaires. Ein internationales Handbuchzur Lexikographie/An International Encyclopedia of Lexicography/Enciclopédie internationale de lexicographie, De Gruyter, Berlin-New York. 1992 - Dizionario commerciale: spagnolo-italiano, italiano-spagnolo, Mursia, Milano, XIII, 528 pp.
Calvo Rigual, Cesáreo (2008), “El Dizionario spagnolo-italiano, italiano-spagnolo (1990) y otras obras lexicográficas de A. Gallina”, en Félix San Vicente (ed.), Textos fundamentales de la lexicografía italoespañola (1917-2007). Monza: Polimetrica, pp. 313-337. Se se desexa coñecer estas obras en profundidade, a publicación de Cesáreo Calvo analiza polo miúdo, desde un punto de vista metalexicográfico, os dicionarios de Anna Maria Gallina. Castillo Peña, Carmen (2018), “Anna Maria Gallina y los primeros pasos de la enseñanza del español en la Universidad de Padua”, en Italiano LinguaDue, n. 1º, 1, Milano, pp. 134-148. Grazas ao exhaustivo labor investigador de Carmen Castillo, puidemos incluír os datos biográficos da autora e coñecer os pormenores do percorrido académico de Anna Maria Gallina, con valiosas informacións, tamén referidas aos programas das materias que impartiu e as publicacións vinculadas a estas.
Maite Sanmarco Bande
Lola Sánchez Mosquera
Autor@s do deseño e estrutura do dicionario / Authors of the design and structure of the dictionary: María José Domínguez Vázquez (dir), Lola Mosquera Sánchez, Deborah Chidimma Nebechukwu, U-Tong Sih - EMLex. 2000. Mulleres na Lexicografía / Women in Lexicography. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 17/01/2026 ás 03:38].
Inicia sesión para deixar un comentario.