Posts tagged ·

antroponimia

·...

Nome do día: Rosalía de Castro

no comments

Hoxe é o #DíadeRosalía

Rosalía é un nome de orixe discutida, quizais latina (de Rosalia, festa romana das rosas en honra dos defuntos) ou xermánica (hraustr ‘valente’ ou rausn ‘gloria, fama’ e o hipocorístico –lîn). En Galicia rexistrámolo por primeira primeira vez nun documento do século IX do mosteiro de Sobrado.

O apelido Castro é toponímico, con orixe nalgunha das localidades chamadas así que temos por todo o territorio, moi abundantes, de aí que o apelido sexa o 11º en orde de frecuencia entre os de Galicia. A palabra provén do latín CASTRUM ‘fortificación, lugar fortificado’. Coma todos os apelidos desta categoría, que indican a orixe ou procedencia do portador, adoitaba ir acompañado da preposición de, e así aínda o usaba a nosa poeta.

(Pódese consultar a frecuencia dun apelido en Galicia na web Cartografía dos Apelidos de Galicia. O cartulario ou tombo do mosteiro de Santa María de Sobrado custódiase no Arquivo Histórico Nacional e pódese ver dixitalizado no Portal PARES).

Todos seremos Rodríguez?

no comments


Unha entrevista con Ana Boullón sobre a variedade onomástica.

(Imaxe: Nube de apelidos formada cos 100 máis frecuentes en Galicia. WordleTM.)

A normalización dos apelidos

1 comment

A Lei de reforma do Rexistro Civil, nº 49/1999, do 5 de novembro, dicía no seu artigo 3:

O encargado do Rexistro, a pedimento do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente.

Con isto pretendíase paliar unha situación inxusta, que lles substituíu a moitos galegos a forma dos apelidos, á marxe da súa vontade. Valla de exemplo este coñecido testemuño de 1783, tirado do Libro de fábrica de San Miguel de Treos (Vimianzo), onde se lle cambia o apelido a Patricio de Outeiro polo de Patricio de Otero.

Os apelidos, con todo, resistiron mellor o proceso de castelanización, por seren de transmisión obrigatoria, pero, aínda así, sufriron diferentes deformacións en certa porcentaxe (en conxunto, calcúlase que en torno ó 15%). Así, hoxe dáse o paradoxo de apelidos que proceden de topónimos galegos, pero que teñen a súa forma só en castelán: é o caso de *Abeijón (que vén de Abeixón, en Lousame), *Goyanes (Goiáns en Boiro-Co), *Molanes (Moláns en Vigo) e moitos outros. Outros apelidos, con correspondencias transparentes en castelán, foron traducidos, como Rojo 2.700 /  Roxo 3, Otero 42667/ Outeiro 341 ou Lorenzo 29264 / Lourenzo 22. Téñase en conta que nestes casos, o que se solicita non é o cambio dun apelido castelán por un galego, senón a restitución dunha forma galega que nun momento da transmisión foi alterada.

A pesar da devandita Lei, algúns cidadáns viron obstaculizada a vontade de restituí-los seus apelidos na forma estándar en galego. Isto sucedeu con persoas apelidadas Otero, Villameá, Rivera, Janeiro, por exemplo, ás que se lles negou a conversión en Outeiro, Vilameá, Ribeira e Xaneiro, respectivamente, aínda que, como é obvio, eses apelidos deturpados non se adecúan á gramática nin á fonética do galego, como se di na lei.

Así pois, cómpre un apoio xurídico que lles garanta ós galegos que “teñen dereito á forma normativamente correcta en galego dos seus nomes e apelidos”, tal e como se recolle na Lei de política lingüística de Cataluña (1/1998, de 7 de xaneiro, artigo 19), e á difusión de cales son esas formas correctas.

A normalización dos nomes propios

no comments

A castelanización que sufriu a nosa onomástica, especialmente no ámbito escrito, desde o século XVI, foi a razón de que, cando se derrogou a obrigatoriedade de consignar no Rexistro Civil os nomes única e exclusivamente en castelán (Lei 17/1977), a porcentaxe de nomes especificamente en galego fose moi baixa. Esa porcentaxe aumentou nos últimos anos do século, como se ve nos seguintes gráficos que se basean nos nenos nacidos entre 1990 e 2000 (téñase en conta que a porcentaxe dos nomes especificamente galegos era do 0%, de maneira que subiu do 0 ó 7%).

Grupos lingüísticos dos nomes propios en Galicia

Se sumamos os nomes comúns (como poden ser Andrea, Carlos, María ou Manuel) cos nomes especificamente galegos (como Xosé, Iria, Xoán, Brais), temos unha proporción bastante alta de nomes galegos, pero aínda é moito máis alta a dos que están en castelán, sobre todo entre os nenos, para os que se escolle adoito unha antroponimia máis conservadora. Aínda existe xente que considera que pór nomes en galego é unha cuestión de moda, sen decatarse de que en Galicia o natural sería os seus habitantes teren o nome na súa lingua propia. É necesario, pois, que a Administración galega contribúa a dar a coñece-lo feito de que esta minusvaloración dos nomes en galego é froito dunha circunstancia histórica de minusvaloración da propia lingua (e da imposibilidade legal de facelos constar no Rexistro Civil), e que facilite e dea a coñece-los nomes galegos propios.

A orde dos apelidos

no comments

abel ferrizNo Rexistro Civil actual (Lei 40/99, de 5 de novembro) establécese que unha parella pode decidi-la orde dos apelidos dos seus fillos libremente; isto é, que non é obrigatorio situar en primeiro lugar o apelido do pai, e en segundo o da nai. Esta modificación vai acorde cos tempos, ó non prima-lo apelido de ningún dos dous sexos. Pero había unha fenda: en caso de desacordo, prevalecería a tradición, é dicir, o apelido paterno. Para resolver isto, o goberno anunciou hai pouco na prensa que se decidiría por orde alfabética, pero esta é unha solución que tamén comporta problemas. Non porque vaian desaparecer de aquí a uns anos tódolos apelidos do final do alfabeto, porque, na práctica, son moi poucas as parellas que non se poñen de acordo, senón porque non deixa de ser unha solución que prima de antemán  unha das partes. Noutros países, ante a mesma situación, optouse por proceder a un sorteo, o que pode ser arbitrario, pero non é inxusto. Ante as protestas, o goberno está reconsiderando as distintas opcións.

Agora ben, sería necesario ter en conta unha cousa importante: amais de identificarnos como pertencentes a unha familia (a dúas, en realidade: a da nai e a do pai), os apelidos son parte da nosa herdanza cultural, histórica e lingüística. Por tanto, os pais deberían considerar que parte do seu patrimonio patronímico é mellor para os seus fillos. Parece claro que un dos criterios que se deberían ter en conta é o da frecuencia: exerce moito mellor a súa función identificadora un apelido que porten menos persoas. Para coñecer ese dato, os pais poden acudir á páxina web da Cartografía dos apelidos de Galicia, elaborada no Instituto da Lingua Galega, onde poderán descubrir a frecuencia e a extensión xeográfica de cada apelido.

Creative Commons License photo credit: diluvi

Bieito XVI

no comments

I shot the Pope!
O nome que asumiu o actual papa, BENEDICTUS –en latín, lingua oficial do Vaticano–, evolucionou nas linguas romances ás correspondentes formas patrimoniais propias: Bento en portugués, Benito en castelán, Benoît en francés, Benet en catalán ou Bieito en galego. No italiano a evolución do nome é un resultado semiculto, Benedetto, aínda que os manuais de onomástica recollen tamén a forma Benito, forma tomada do castelán que se divulgou por ser o nome do duce Mussolini; pola mesma razón hoxe xa non é un nome con popularidade. Tamén as distintas linguas introduciron por vía culta as formas Benedito, en galego e portugués, Benedicto en castelán, Bénédict en francés ou Benedicte en catalán.

Por tradición, os nomes dos papas adáptanse ás formas patrimoniais das linguas romances. O uso vén de vello e mantense no mesmo vaticano (www.vatican.va) como se pode ver premendo na opción das distintas linguas. A razón desta escolla é unha razón práctica: que os fieis aprendan facilmente o nome do pontífice. Así, o anterior papa, IOHANNES PAULUS, chamábase João Paulo en portugués, Juan Pablo en castelán, Jean Paul en francés, Giovanni Paolo en italiano e Joan Pau en catalán.

No galego medieval temos xa os primeiros exemplos desta tendencia:

  • “morreu o papa Bonifas, et poserõn en seu lugar a Beeyto, o seteno”
  • “outrosy morreu o papa Beeyto, et foy posto en seu lugar Johan”
  • “morreu en ese ano Ssergyu, papa, et [foy] posto en seu lugar Beeyto oytauo”

(Fonte: TMILG, Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega)

Joseph Alois Ratzinger adoptou o nome de Bieito, por San Bieito de Nursia, patrón de Europa, fundador da orde dos beneditinos e considerado o iniciador da vida monástica en occidente. A forma *Benedicto é incorrecta segundo as normas ortográficas do galego.

Creative Commons License photo credit: Erprofe