Francisco Freire elaborou este interesante vídeo sobre a riqueza e a importancia dos nosos nomes de lugar. O traballo xurdiu do Obradoiro de creación de vídeos organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e da recollida da microtoponimia que se está a facer desde o concello de Pontevedra.
Posts tagged ·
toponimia
·...
En setembro de 1984 a Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. En 2003 rematouse finalmente a normalización de todas as entidades de poboación galegas, logo de pasar por distintas fases que se iniciaron coa oficialización dos nomes dos concellos, a maioría xa no ano 1985.
Algúns casos, coma os das Pobras, foron polémicos. Outros nomes aínda merecen hoxe unha revisión, coma o caso da Cañiza (A Caniza) e o de Riós (Os Riós~Orriós). E isto só por falar dos nomes dos concellos.
Con todo, chama a atención o caso de Ribeira, un asunto de insubmisión permanente ante a grafía correcta xa desde os primeiros momentos da oficialización do nome por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.
Como é ben sabido, o topónimo Ribeira provén do latín RIPARIAM e ten un significado transparente porque coincide coa voz común da misma orixe ribeira ‘franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar’ (DRAG). Débese entón escribir con −b− xa que é resultado dun −p− latino, tal como establece a nosa ortografía, que é etimolóxica (NOMIG, p. 8).
O concello mantén a forma *Riveira na súa documentación en connivencia coa propia Xunta de Galicia que incumpre así as propias leis que promulga, coma a lei de Normalización, cando, por exemplo, lle dá publicidade ó programa FalaRedes da SXNL co topónimo incorrecto.
Co argumento de que é a forma “de toda la vida”, a corporación municipal de Ribeira aprobara xa en 1984 a forma deturpada, logo do informe do cronista oficial da vila que defendía que o nome do concello xamais aparecía na documentación antiga coa grafía etimolóxica e que realmente o topónimo proviña do apelido dunha suposta familia Mariño de Rivera á que o rei de Castela (???) lle dera carta de pobramento sobre esas terras no século XII.
Non só é falso que haxa unha tradición gráfica da forma *Riveira, como se pode comprobar cuns poucos exemplos da parroquia que lle dá nome ó concello, seleccionados ó chou nos nosos fondos documentais e que se amosan na imaxe do lado esquerdo (prémase nela para vela ampliada), senón tamén que a coroa de Castela non está considerada como entidade histórica ata o século XIII, con Fernando III o Santo (antes só tiña consideración de condado).
Amais disto, as primeiras referencias xenealóxicas a un apelido Mariño de Ribera (con −b−, por certo, como se pode comprobar no exemplo máis á dereita da imaxe), son do século xv, na figura de Gonzalo Mariño de Ribera [┼1435], emparentado coa casa de Soutomaior cando un Ribeira da terra de Limia (en Xinzo hai as parroquias de Cima de Ribeira, Mosteiro de Ribeira e Parada de Ribeira), se uniu en matrimonio cunha Mariño.
Por tanto, está claro que o cambio de <b> a <v> foi posterior á Idade Media. A atestación máis antiga que atopamos con <v> procede das memorias do cardeal Jerónimo del Hoyo (ano 1607), onde se rexistra “Sancta Eugenia de Rivera”, con castelanización tamén do haxiotopónimo. Unha forma semellante tamén figura nos materiais do catastro de Ensenada: “Santa Eugenia de Riveira”.
A castelanización que a partir do século XV sufriu o noso país e a nosa toponimia é a causante destas formas deturpadas, que non son nin galegas nin tan “de toda a vida” como algúns cren. Acae aquí o dito castelán de querer “descender de la pata del Cid” mesmo botando man da ignorancia, cando as nosas orixes son tan nobres e antigas coma a desta vila que recibe o honroso nome de “a que está ó pé do mar”.
Finou o profesor Juan José Moralejo, catedrático de grego na Universidade de Santiago e membro fundador da Asociación Galega de Onomástica. Non é este o lugar para falar do seu perfil como estudoso da lingua e literatura grega clásica, nin como amador da pesca da troita, nin como articulista de actualidade, sempre cunha aguzada ironía que mesmo trasladaba ós seus escritos de investigación ou divulgación científica. O pesar polo seu pasamento que a AGOn quere transmitir é debido ó seu labor en prol do coñecemento científico da toponimia, sobre todo a de orixe prerromana. Bo sucesor de seu pai, Abelardo Moralejo, un dos primeiros investigadores universitarios na toponimia galega, dedicou moitos traballos, de maneira case exclusiva nos últimos anos da súa vida, a hidrónimos (Miño, Mondeo, Limia, Deva), a etimoloxías fantásticas (Iria, Galicia), topónimos (rematados en –bre, -briga , Estramundi, Padrón, Arcos, Bustos, Pazos…). Cremos que o mellor recordo que a nosa asociación pode tributarlle é a difusión da súa obra. Reproducimos a seguir os principais traballos seus relacionados coa toponimia galega; o volume que recolle moitos deles pódese descargar en http://ilg.usc.es/agon/wp-content/uploads/2010/09/Callaica_Nomina.pdf
Sit tibi terra levis!
(1995): “Extramundi”, El Extramundi 3, 7-14. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 19-23.
(2000): “Prosapia y trapisonda de Iria Flavia”, El Extramundi 21, 45-67. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 89-100.
(2001): “Hidronimia galaica prerromana”, en F. Villar / Mª P. Fernández Álvarez (eds.): Religión, lengua y cultura prerromanas de Hispania. Actas del VIII Coloquio Internacional sobre lenguas y culturas prerromanas de la Península Ibérica. Salamanca 1999. Salamanca: Universidad de Salamanca, 501-509. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 101-134.
(2002): “Gallaecia y sus etimologías”, en M. Domínguez et al. (eds.): Sub luce florentis calami: homenaje a Manuel C. Díaz y Díaz. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 92-115. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 113-134.
(2002): “Mandeo, Mendo, Miodelo”, Anuario brigantino 25, 77-86. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 143-152.
(2003): “Cambre, Pambre e outros topónimos en –bre” Revista Galega de Filoloxía 4, 97-113. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 171-184.
(2003): “Conimbriga y otros topónimos en –briga”, en J. Mª Nieto Ibáñez (coord.), Lógos hellenikós: Homenaje al Profesor Gaspar Morocho Gayo, I, León, Universidad de León, pp. 185-195. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 185-195.
(2004) “Empadronando a Padrón” El Extramundi 37, pp. 37-58. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 245-256.
(2004): “El río Miño y sus etimologías”, en Á. Franco Mata (dir.): Patrimonio artístico de Galicia y otros estudios: homenaje al profesor Dr. Serafín Moralejo Álvarez. [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia, vol. 3, 203-216. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 257-281.
(2005): “Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?”, en A. I. Boullón Agrelo / X. L. Couceiro Pérez / F. Fernández Rei (eds.): As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, pp. [219]-237. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 283-298.
(2005): “Hidrónimos galaicos con sufijo –antia”, Palaeohispanica 5, 837-860. [Acta palaeohispanica IX. Actas del IX Coloquio sobre Lenguas y Culturas Paleohispánicas. Barcelona, 20-24 de octubre de 2004. Zaragoza: Institución “Fernando el Católico”]. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 339-356.
(2006): “O río do esquecemento e outras cousas da Limia”, Lethes 7, 144-157. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 357-375.
(2008): Callaica Nomina. Estudios de onomástica gallega. [A Coruña]: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
(2008): “Iria Flavia y su mito”, en Plenitudo Veritatis: Homenaje a Mons. Romero Pose, Santiago de Compostela, Instituto Teológico Compostelano, 501-519.
(2009): “Toponimia de las vías romanas de Galicia”, Palaeohispanica 9, 189-202. ActPal X = PalHisp 9 189.
(2009): “Minius = Minho = Miño”, Minius 17, 17-23.
(2010); “Deva”, Arraianos 8, 9-11.
(2010): “Topónimos célticos en Galicia”, Palaeohispanica 10 [= Serta Palaeohispanica in honorem Javier de Hoz], 99-111. http://ifc.dpz.es/recursos/publicaciones/30/23/07moralejo.pdf.
“A luz das palabras: Gallaecia e as súas etimoloxías. Transcrición da gravación do encontro intelectual entre Xosé Luís Méndez Ferrín e Juan José Moralejo Alvarez”, [presentador do acto, Xosé Luís Axeitos; transcrición e notas, Alberto Piñeiro], Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza 7 (2011). 65-78.
Foto: web da USC (curriculum de JJMA)
O 2 de marzo empezou o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense amais o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Desenvolverase durante os venres e sábados deste mes de marzo.
O éxito da convocatoria (máis de cen inscritos) e o interese que esperta a materia levaron ós organizadores a facer público un diario das intervencións para poder seguir o curso na páxina do IEM.
A asociación Gentalha do Pichel, como xa fixera anteriormente no barrio de San Pedro, organiza para o domingo 5 de febreiro ás 16:30 un paseo toponímico pola parte vella de Santiago. O membro da Asociación Galega de Onomástica, Xosé Ramón López Boullón, explicará a toponimia do núcleo histórico. O paseo complétase coa visita á exposición Compostela dicitur.
O Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos das Nacións Unidas (UNGENG) está elaborando unha base de datos de nomes xeográficos que inclúe países, capitais e cidades meirandes (máis de 100.000 habitantes), nas respectivas linguas propias de cada topónimo.
No caso dos países, ademais de na lingua orixinal respectiva, poderemos coñecer o seu nome nas seis linguas da ONU (árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso), tanto na súa forma curta coma na formal.
As capitais dos países figuran na lingua propia e en inglés.
A web, que está na súa versión beta, irase completando coa pronuncia de cada topónimo na súa lingua orixinal.
A AGOn remitiulle unha carta á Ministra de Cultura para que o portal do Ministerio de Cultura España es cultura / Spain is culture respecte a toponimia galega consonte se establece na lexislación vixente.
Ata o momento non se recibiu resposta nin se restituíron as formas propias galegas dos topónimos.
Onomástica III
Estes días o Concello de Santiago de Compostela está a presentar o xogo didáctico Atopando Compostela, un xogo de mesa sobre a toponimia do concello, para entreterse e aprender coa toponimia, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago e creado por Etnoga, Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral, co asesoramento e a elaboración dos contidos deste enredo de preguntas e probas por parte da Asociación Galega de Onomástica.
Un dos aspectos importantes ao que hai que referirse constantemente e en cada oportunidadde que se teña é que a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste patrimonio inmaterial.
A perda de toponimia tanto no medio rural coma no urbano é preocupante. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre ou que abandona a súa actividade desaparecen moitos nomes de lugar.
No ano 2001 a Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que sinalaba que o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. Nese informe pedíase unha acción institucional intensa que salvase este tesouro. Falábase dunha emerxencia. Precisábase dun proxecto máis ambicioso que permitise salvar canto antes a microtoponimia antes de a perder para sempre.
Un dos obxectivos deste xogo, amais de ampliar e precisar o coñecemento sobre a toponimia en xeral e os topónimos de Santiago de Compostela en particular, é valorar os nomes de lugar como elementos de singular importancia no patrimonio cultural que hai que protexer e conservar como calquera outra creación humana que sobrevive no tempo atravesando as xeracións e os séculos, segundo palabras de Gonzalo Navaza, presidente da Asociación Galega de Onomástica; porque os topónimos humanizan o medio físico dotándoo de memoria compartida, de tradición, de cultura. Necesítase unha maior sensibilización cara a este patrimonio e precisamos dunha lei como a canadense. Unha lei que recolla, cando menos, as recomendacións que Nacións Unidas elaborou en 2004 e que tipifique polo miúdo calquera aspecto que permita a conservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia.
Galicia posúe un valioso patrimonio toponímico tanto en número como en variedade e antigüidade. Hai que frear o abuso de nomes honoríficos e conmemorativos nas vías urbanas, de nomes que non significan nada na zona na que se impoñen, nas novas áreas urbanas, nas novas urbanizacións, nos polígonos industriais e que deixan soterrados, esquecidos, moitos nomes que poderían conservarse e seguir identificando os novos espazos no canto de levar nomes monotemáticos, tales como o de capitais europeas, en Fontiñas, de sabios científicos, no Polígono do Tambre ou de árbores sen máis como é o caso da urbanización dos Tilos ou do Polígono do Milladoiro, próximos a Santiago..
Xosé Ramón López Boullón. Galicia Hoxe. 13-04-2011
A Lei de normalización lingüística (3/1983, de 15 de xuño) estableceu que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. A partir deste momento, a Xunta de Galicia encomendoulle a fixación dos topónimos galegos á Comisión de Toponimia, quen acabou publicando o Nomenclátor de Galicia en 2003. Actualmente existen uns criterios de estandarización da toponimia maior, que está oficializada segundo eses criterios. Pero queda por recoller e fixar a microtoponimia (os nomes de lugar non habitados, tales como terreos, leiras, fontes, pedras, etc.).
Nunha páxina web da Xunta de Galicia explícase o seguinte:
Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.
A Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia no ano 2001, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que recolle expresións coma as seguintes: “O abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. […] Cómpre unha acción institucional intensa (que pode estimular a cooperación privada, como acontece xa con certas Comunidades de Montes) que salve nesta lexislatura este tesouro, na seguridade de que na posterior sería xa inútil intentalo. […] A RAG considera boas todas as iniciativas pero advirte de que estamos ante unha emerxencia cultural. Precísase un proxecto máis ambicioso que nos permita salvar en catro anos a microtoponimia ou estarémola dando por perdida para sempre”.
Véxase como exemplo disto unha actuación en talasonimia, a toponimia do mar, onde se pode comprobar a densidade da toponimia recollida previamente nas cartas náuticas e a da rexistrada posteriormente:
Conforme a isto, a seguinte actuación da Comisión de Toponimia foi o Proxecto Toponimia de Galicia, que pretendía recoller toda a microtoponimia de Galicia, “un plan orientado á recolleita, introdución nunha base de datos, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia galega”. Desde que se empezou este traballo, para o que se contaba con técnicos de gabinete e traballadores de campo, recolléronse uns 400.000 topónimos, e prevese que en total, cheguen a 1.200.000, sumando as entidades de poboación, xeográficas, hidronimia, odonimia e nomes de terras (calcúlase que en Galicia existe unha densidade de entre 36 e 40 topónimos por km2).
Actualmente este proxecto está paralizado: non hai ningún traballador de campo e os técnicos de gabinete foron despedidos. Entretanto, case 80 aldeas quedan deshabitadas nun ano en Galicia -e xa van máis de 1.400-, o que supón a perda irreparable de miles de nomes do noso patrimonio toponímico.
Alguén pode crer aínda que á nosa onomástica non lle cómpre protección?
Hoxe presentouse en Santiago Atopando Compostela. Xogo da toponimia do concello, un xogo de mesa para entreterse e aprender coa toponimia, que promoveu a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago.
A Asociación Galega de Onomástica asesorou e elaborou os contidos deste enredo de preguntas e probas. Os autores de Atopando Compostela son Gonzalo Navaza, Xulia Marqués, Xosé Ramón López Boullón e Luz Méndez.
Etnoga. Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral do patrimonio, foi a creadora do xogo.