A lingua da xente nova: competencia, cambio lingüístico, actitudes e muda de lingua

Descrición: 

A finalidade deste proxecto é afondar nas características da lingua da mocidade galega, desde tres perspectivas diferentes e complementarias: a competencia, especialmente na destreza da escritura, o cambio lingüístico, sobre todo desde o punto de vista dos efectos do contacto lingüístico, e a muda de lingua, no marco dos procesos de mantemento, transmisión e muda nas familias galegas. De acordo con estas tres perspectivas, o proxecto articúlase en tres liñas de investigación:

Liña 1: Análise da competencia escrita en lingua galega do estudantado de 2º de Bacharelato

Investigadora principal: María Álvarez de la Granja

Esta liña ten por obxectivo contribuír ao coñecemento das características da competencia escrita en lingua galega do alumnado de 2º de Bacharelato de Galicia. A tal fin continuaremos traballando na elaboración do corpus Cortegal, que comezou a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega no marco do proxecto "Corpus para a análise das dificultades na produción escrita en lingua galega" e iniciaremos a análise dos textos nel contidos desde diversas perspectivas. Así mesmo, para a análise da lingua dos estudantes galegos botaremos man dos resultados obtidos no proxecto "Léxico dispoñible do galego" (López Meirama / Álvarez de la Granja 2014), que recolle o léxico fornecido por estudantado de 2º de Bacharelato en volta de dezaoito ámbitos temáticos.

Liña 2: Cambio lingüístico e contacto de lingua na xuventude

Investigador principal: Xosé Luís Regueira Fernández

Esta liña pretende contribuír ao estudo das características da lingua da xente nova, poñendo o foco nos efectos do contacto lingüístico na conformación de diferentes variedades de galego e nos cambios lingüísticos observados na sociedade actual. Neste traballo non só se terá en conta o contacto lingüístico co español, senón que tamén se incluirá o contacto co portugués. Aínda que o contacto con esas dúas linguas ten diferentes alcances e prodúcese por vías distintas, neste traballo preténdese investigar como a xente nova utiliza elementos lingüísticos tomados do portugués e do español para configurar identidades sociais e ideolóxicas diferenciadas, relacionadas en parte con ideoloxías de resistencia e ideoloxías alternativas.

Liña 3: A lingua das familias: mantemento, transmisión e cambio de lingua ao longo de tres xeracións

Investigador principal: Henrique Monteagudo

Este proxecto ten por obxectivo contribuír ao coñecemento dos procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galegas. Para tal fin, partiremos da análise dun corpus de aproximadamente cincocentos historiais sociolingüísticos de familias, estudadas ao longo de tres xeracións. Estes historiais foron realizados desde o ano 2000 por estudantes de Sociolingüística Galega, segundo un modelo fornecido polo profesor, a partir de entrevistas con varios membros de cada unidade familiar pertencentes a tres xeracións sucesivas. Inclúen información sobre a lingua inicial e o repertorio de competencias e usos lingüísticos de varios membros da familia, así como exploración das actitudes e narracións autobiográficas, ademais de información de carácter social: entre outros, sobre xénero e idade, residencia e traslados –incluíndo emigracións e retorno–, estudos / profesión ou matrimonio.

Imaxe: 
Fecha de ejecución: 
De 2019 hasta 2020
Financiamiento: 
Convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia