Aberto ata o 15 de decembro o prazo de envío de propostas para o CIDS2026

Data: 
Lunes, Diciembre 15, 2025 - 23:45
Imaxe: 

O prazo de envío de propostas para participar no VIII Congreso Internacional de Dialectoloxía e Socioligüística (CIDS 2026), organizado polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Projeto Atlas Linguístico do Brasil, encóntrase aberto ata o 15 de decembro de 2025. A Facultade de Filoloxía da USC converterase no epicentro do debate internacional sobre diversidade lingüística, variación dialectal e dinámicas sociolingüísticas do 13 ao 16 de xullo de 2026. 

Baixo o título Cartografías da lingua: variación, contacto e planificación, o encontro busca crear un espazo de diálogo e reflexión arredor dos procesos de variación nas situacións de contacto lingüístico e das estratexias de planificación e xestión da diversidade lingüística, tanto desde perspectivas empíricas coma teóricas, e en diferentes contextos xeográficos e temporais. Por outra banda, son especialmente benvidas neste congreso as contribucións sobre linguas minorizadas.

Por outra banda, nesta edición homenaxearase a Aparecida Negri Isquerdo (Universidade Federal de Mato Grosso do Sul), Henrique Monteagudo (USC), Lurdes de Castro Moutinho (Universidade de Aveiro) e Carsten Sinner (Universidade de Leipzig) pola súa especial relevancia nalgunhas das áreas de interese deste congreso.