O papel dos factores sociais no procesamento da fala bilingüe
O venres 13 de xullo ás 13.00 na Sala de Conferencias, Gisela Tomé Lourido, profesora de sociofonética na Universidade de Leeds, ofreceu unha charla sobre "O papel dos factores sociais no procesamento da fala bilingüe: o caso dos neofalantes".
Resumo
A flexibilidade dos sistemas de produción e percepción da fala na idade adulta é unha cuestión que continúa a ser tema de debate na área de ciencias da fala. O estudo do procesamento da fala dos neofalantes galegos, que mudan a súa lingua habitual na adolescencia e deciden utilizala de maneira case exclusiva, aporta unha nova perspectiva a este debate. Esta charla comunicará os resultados de tres estudos que investigaron o procesamento do galego por parte de distintos grupos de bilingües en Galicia: neofalantes, bilingües con dominio en galego e bilingües con dominio en castelán. Os estudos consisten nunha serie de experimentos de produción e percepción da fala, unha proba de identificación de acentos e un experimento de eye-tracking. Os resultados indican que semella difícil mudar as categorías de percepción e produción da fala na idade adulta a pesar do uso continuado da nova lingua, mais algúns cambios na produción son posibles e poden servir como oportunidades para marcar a identidade dentro da comunidade lingüística.