A rede TecAnDaLi, coordinada polo ILG, finalista dos premios da Crítica Galicia na modalidade de Investigación

Data: 
luns, Novembro 5, 2018 - 18:30
Imaxe: 

A rede Tecnoloxías e análise dos datos lingüísticos (TecAnDaLi), constituída por sete grupos de investigación do Sistema Universitario Galego e coordinada polo grupo Filoloxía e Lingüística Galega (FILGA), integrado no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, foi finalista dos Premios da Crítica Galicia na modalidade de Investigación canda o historiador Ramón Villares e o biólogo José Luis Mascareñas, que finalmente recibiu o premio.

TecAnDaLi é unha rede interdisciplinar que centra a súa investigación nas tecnoloxías da linguaxe e nas humanidades dixitais, principalmente, aínda que non só, ao redor do galego. Está constituída por tres grupos da rama de Humanidades (o grupo coordinador, Filoloxía e Lingüística Galega, Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega, Universidade de Vigo; Gramática, Discurso e Sociedade, Universidade de Vigo); dous grupos de enxeñería informática (Grupo de Sistemas Intelixentes, CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela; Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos, CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela); un grupo de enxeñaría de telecomunicacións (Grupo de Tecnoloxías Multimedia, Universidade de Vigo) e outro grupo de estatística (Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións, Universidade de Santiago de Compostela).