Cursos de verán da USC

Data: 
venres, Xuño 16, 2023 - 17:15
A investigadora do ILG Eva María Domínguez Noya é unha das organizadoras do curso de verán Corpus lingüísticos: recursos e métodos para a súa explotación, do que amais é docente xunto a Marisol López Martínez. O curso desenvolverase do 10 ao 14 de xullo na Facultade de Filoloxía da USC e o prazo de matrícula atópase aberto ata o día 30 de xuño.
 
O obxectivo é presentar os fundamentos e aplicacións da Lingüística de corpus a través do uso de diferentes tipos de corpus de español e de galego. Abordaranse os aspectos máis relevantes do deseño e construción de corpus, incluíndo a descrición dos procesos de codificación e anotación para o enriquecemento dos textos. Incluirá tamén sesións dedicadas á exposición de técnicas estatísticas simples, así como dalgunhas utilidades da análise de textos procedentes do mundo Unix para o procesamento dos datos obtidos. Finalmente, as persoas asistentes deseñarán e desenvolverán distintos proxectos de investigación sobre diferentes corpus textuais.
 
Os investigadores do Instituto Henrique Monteagudo e Álex Alonso Nogueira organizan o curso de verán Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, que terá lugar do 4 ao 6 de setembro en Vilanova de Lourenzá. No curso participan os membros do ILG Pablo García Martínez e Dolores Vilavedra, ademais dos organizadores. O prazo de matrícula está aberto ata o 24 de agosto
 
O obxectivo é analizar a traxectoria, a obra e a achega de Francisco Fernández del Riego, como activista, intelectual, estudoso e escritor, nos seus sucesivos contextos históricos, e en relación cos fenómenos sociais e os proxectos políticos e culturais en que se implicou: a IIª República (movemento estudantil universitario e Partido Galeguista), a guerra civil, a ditadura franquista (resistencia política e cultural, Editorial Galaxia, Fundación Penzol e revista Grial, relación coa diáspora galeguista) e a autonomía.