Validatón
O Validatón é un maratón de validación de fragmentos de voz en galego doados a Common Voice e está aberto ao estudantado de todas as titulacións de Filoloxía (non é preciso ser especialista en galego).
Common Voice é unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo que doan a súa voz e tamén contribúen xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. O obxectivo deste proxecto colaborativo é crear grandes corpus de datos orais que poidan ser empregados para adestrar modelos de recoñecemento da fala en distintas linguas, entre elas o galego.
As persoas que se acheguen ao Instituto da Lingua Galega o día 19 de marzo, alén de participaren no Validatón, poderán coñecer o centro e tomar unha rica merenda. Haberá agasallos sorpresa para todas as persoas que validen, ademais dun gran premio de 100€ para o campión ou campioa, que se entregará ao final da xornada.
Para participar no Validatón é preciso dispor dun perfil en Common Voice e cubrir previamente o seguinte formulario de inscrición, que estará aberto ata as 12:00 h do 15 de marzo.
Todas e todos os participantes deben traer un dispositivo electrónico (portátil, tableta ou móbil), os seus propios auriculares e unha cunca para o café (para evitar o uso de plástico). Comparte este evento nas redes usando o cancelo #validatonILG24.
Anímate a darlle máis futuro ao galego!
Importante!!
Bases da competición
- A competición estará aberta entre as 16.00 e as 19.00 horas.
- As persoas participantes terán que estar previamente inscritas no Validatón.
- Para o reconto de validacións só se contabilizarán as validacións efectuadas durante o período da competición (19 de marzo, 16.00-19.00 horas).
- As persoas participantes terán que realizar tres tarefas:
- Validar as gravacións na plataforma Common Voice.
- Informar as frases (texto) que conteñan algún dos problemas indicados na plataforma Common Voice (botón Informar) e tomar nota nun papel das frases informadas.
- Elaborar un relatorio breve sobre os principais motivos que levaron a unha votación negativa das gravacións.
- A persoa co maior número de validacións e que, ademais, presente un número de frases informadas no primeiro ou segundo cuartil e un relatorio válido, recibirá o gran premio de 100 € en metálico. En caso de empate en número de validacións, gañará a persoa que máis frases informara. Se persiste o empate, realizarase un sorteo.
- Todas as persoas participantes recibirán un premio sorpresa.
- Os premios entregaranse ás 19:45 horas. Para poder recibir os premios, os titulares das contas de Common Voice rexistradas no Validatón deberán estar presencialmente no ILG.