Aberto o prazo de inscrición para a III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

Data: 
mércores, Novembro 6, 2024 - 23:45
Imaxe: 

Ata o 6 de novembro encóntrase aberto o prazo de inscrición para asistir á III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, organizada polo Instituto da Lingua Galega e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro. Esta terceira edición, que terá lugar o 8 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), continúa a ter como principal obxectivo promover e difundir traballos que se enmarcan no campo da variación e o cambio lingüístico.

Poderanse escoitar as propostas nesta área de Leonardo Lennertz Marcotulio, Lurdes Moutinho e Lia Gomes (Universidade de Aveiro); Tamara Flores Peres (Universidade de Aveiro); Martín Vázquez Fernández (Universidade de Vigo); Pedro García Louzao e Reyes Rodríguez Rodríguez (USC); Víctor Bargiela Zotes (UNED); David Paul Gerards (Johannes Gutenberg University Mainz); Marta Blanco e Eugenia Conde (USC); e Eva M.ª Domínguez Noya (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades / USC) e Vítor Míguez (USC). Ademais, Nélia Maria Pedro Alexandre (Universidade de Lisboa) e José Luis Blas Arroyo (Universitat Jaume I) ofrecerán respectivamente as conferencias Variação linguística em Cabo Verde: entre o cabo-verdiano e o português e La difusión del cambio lingüístico en diferentes tipologías textuales: algunos ejemplos en la historia del español.