Dicionario dos apelidos galegos
O Dicionario dos apelidos ten como obxectivo proporcionar a información etimolóxica, xeográfica e histórica máis relevante sobre cada apelido. Articúlase en torno a 6.000 entradas (contando os lemas principais e os secundarios), ordenadas alfabeticamente e seleccionadas nun principio por orde de frecuencia: inclúense os apelidos que teñen máis de 30 ocorrencias, amais daqueles que, aínda tendo menos, sexan variantes dos lemas.
Os datos parten do censo proporcionado polo Instituto Nacional de Estadística (Madrid) correspondentes ao ano 2001. Escóllese a forma estandarizada entre as variantes existentes, a partir dos criterios publicados no Boletín da Real Academia Galega 370 (2009). Cada entrada contén o número de ocorrencias de cada forma, información etimolóxica, documentación histórica (a datación máis antiga que se coñece), e, nos casos que proceda, datos sobre a difusión xeográfica actual, a relación co topónimo correspondente e a representación cartográfica.