Antón Santamarina recibe o IX Premio Luís Porteiro Garea da USC

Data: 
mércores, Setembro 16, 2026 - 17:15
Imaxe: 
O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina recolleu o IX Premio Luís Porteiro Garea nun emotivo acto que tivo lugar este mércores no Paraninfo da USC. O premio foille outorgado por ser “unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea, que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes e tamén no establecemento da súa forma culta actual”.
 
O acto de entrega estivo presidido pola reitora Rosa Crujeiras e nel tamén participaron o profesor Xosé Luís Regueira, membro do Instituto da Lingua Galega (ILG); a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana; e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.
 
Xosé Luís Regueira, discípulo de Santamarina e compañeiro de despacho desde hai 30 anos, foi o encargado de ler a laudatio. O investigador quixo sintetizar a traxectoria e xenerosidade do homenaxeado afirmando que "o seu traballo sempre estivo enfocado ao colectivo". Esa vocación comunitaria e de servizo ao país foi o fío condutor de todas as intervencións, nas que se gabou a súa inmensa contribución científica libre de calquera afán de protagonismo. Durante o recoñecemento repetiuse en varias ocasións que "Antón é un sabio" para destacar a súa profunda erudición que vai á par da súa humildade.
 
A traxectoria de Antón Santamarina non se pode desligar da historia do propio ILG. Desde a publicación dos pioneiros manuais didácticos na década de 1970 (Galego 1, 2 e 3) ata os seus titánicos proxectos lexicográficos actuais, o seu labor converteuse na base científica do galego moderno. Entre os seus fitos fundamentais destacan o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega e o Atlas Lingüístico Galego, obras esenciais para a fixación ortográfica e a preservación dialectal do idioma; grandes ferramentas dixitais como o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) e o Dicionario de dicionarios; e a publicación do Cancioneiro popular galego canda a musicóloga suíza Dorothé Schubarth.
 
Pola súa banda, fiel á súa constante modestia, Santamarina esquivou os eloxios e insistiu en que traballar pola lingua era a súa obriga como membro do ILG e da Facultade de Filoloxía da USC. "En realidade son eu quen lle debe estar agradecido á Universidade de Santiago e non ao revés", concluíu o profesor tras 65 anos vencellado á que define como a súa casa.