O ILG coorganiza en Aveiro o 'V Congresso Internacional em Variação Linguística nas Línguas Românicas'

Data: 
luns, Febreiro 1, 2027 - 17:45
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC participa como entidade coorganizadora do V Congresso Internacional em Variação Linguística nas Línguas Românicas xunto ao Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro (UA), institución impulsora do evento. O congreso desenvolverase de xeito presencial do 23 ao 25 de xuño de 2027 no Departamento de Línguas e Culturas da UA. A presenza do ILG faise efectiva a través da comisión organizadora, que conta coa implicación directa de Elisa Fernández Rei e Xulio Sousa. Xunto a eles, configuran o equipo organizador docentes do Centro de Línguas, Literaturas e Culturas (CLLC) da Universidade de Aveiro e da Universidade da Madeira. 

O obxectivo fundamental deste congreso internacional é promover e difundir a investigación arredor da variación e do cambio lingüístico nas linguas románicas en todos os seus niveis de análise. Trátase dun espazo de debate idóneo para que especialistas de todo o mundo discutan cuestións empíricas, metodolóxicas e teóricas. As liñas temáticas abranguen disciplinas tan diversas como a dialectoloxía, a dialectometría, a fonética, a fonoloxía, a prosodia, a sociolinguística, a morfosintaxe ou a lingüística de corpus, entre outras.

As persoas interesadas en presentar comunicacións orais (cunha duración de 20 minutos) ou pósteres teñen de prazo ata o 1 de febreiro de 2027 para enviar os seus resumos a través do formulario oficial habilitado na páxina web do congreso. En consonancia co seu carácter internacional e co espazo xeolingüístico que estuda, o congreso admitirá como linguas de traballo o galego, portugués, español, francés e italiano. Ademais, prevese a publicación posterior dos traballos presentados, continuando coa traxectoria das edicións precedentes.