O investigador do ILG Xulio Sousa analiza o contacto léxico no noroeste ibérico no V SIALNI

Data: 
xoves, Outubro 8, 2026 - 09:00
Imaxe: 

O investigador do Instituto da Lingua Galega Xulio Sousa participará no V Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos del Noroeste Ibérico (SIALNI5). O encontro académico desenvolverase os días 8 e 9 de outubro de 2026 na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de León.

A súa intervención, titulada "Contacto y continuidad léxica en el noroeste ibérico: el dominio gallego y asturleonés a través del ALPI", propón un estudo xeolingüístico centrado no vocabulario recollido no Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). O obxectivo principal é analizar como se distribúen as áreas léxicas tanto no dominio galego coma no asturleonés, especificamente nas provincias de León e Zamora.

A diferenza de gran parte da tradición investigadora, que adoita priorizar os trazos fonéticos para diferenciar ou emparentar as linguas, o profesor Sousa aborda o léxico como unha ferramenta clave para descifrar a configuración histórica e xeográfica destas áreas. A súa análise parte da importancia do contacto dialectal como motor de cambio lingüístico e dos procesos históricos de fragmentación e nivelación derivados da Reconquista e repoboación, determinantes na actual continuidade norte-sur do territorio e na redefinición das fronteiras lingüísticas.

Máis alá das fronteiras administrativas

Os datos léxicos que se darán a coñecer no simposio revelan unha notable permeabilidade entre os territorios lindeiros. O estudo do vocabulario pon de manifesto a circulación de occidentalismos no leonés e préstalle unha atención especial aos orientalismos presentes no galego, aos que se lles dedicou menor atención ata agora.

Os primeiros resultados desta cartografía lingüística apuntan a unha densa rede de coincidencias léxicas que logran transcender as fronteiras políticas e dialectais establecidas. Con esta achega baseada na compoñente léxica búscase completar e enriquecer a imaxe que ofrecen as análises fonéticas tradicionais, e ofrécese unha comprensión máis profunda e fiel do continuum dialectal que define o noroeste peninsular.