Asociación Galega de Onomástica

Categoría: Sen categorizar

  • A toponimia interesa

    A rota toponímica organizada o domingo pasado pola Gentalha do Pichel tivo un grande éxito de público. Un paseo de case tres horas pola zona vella de Santiago encabezado por Xosé Ramón López Boullón, membro da Asociación Galega de Onomástica, convocou arredor de cincuenta persoas que participaron activamente coas súas preguntas e as súas achegas a que todos coñecésemos algo máis da historia e da toponimia da cidade.

    Desde a AGOn dámoslles os parabéns aos organizadores, ao guía e aos asistentes, alegrámonos do interese que esperta o noso património toponímico e esperamos que sexan moitas máis as veces que reflexionemos sobre os nosos nomes de lugar.

  • Paseo con toponimia

    A asociación Gentalha do Pichel, como xa fixera anteriormente no barrio de San Pedro, organiza para o domingo 5 de febreiro ás 16:30 un paseo toponímico pola parte vella de Santiago. O membro da Asociación Galega de Onomástica, Xosé Ramón López Boullón, explicará a toponimia do núcleo histórico. O paseo complétase coa visita á exposición Compostela dicitur.

  • Google Maps e o catalán

    A finais de 2011, detectouse que as denominacións de moitas das rúas de Cataluña en Google Maps aparecían traducidas ao castelán e deturpadas. Uns poucos días despois, a presión dos usuarios da rede e as reclamacións do goberno da Generalitat conseguiron que o erro quedase corrixido e explicado.

    No caso da toponimia galega, é moi habitual encontrarmos en Google Maps erros variados tanto de localización coma de  nomenclatura. Os topónimos galegos, que botaron séculos ameazados e que paseniñamente se foron recuperando grazas a que se mantiveron puros na memoria oral dos falantes, seguen estando en perigo.

    Sería bo que tamén o goberno galego mirase  pola nosa toponimia.

  • Un atlas de endónimos

    O Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos das Nacións Unidas (UNGENG) está elaborando unha base de datos de nomes xeográficos que inclúe países, capitais e cidades meirandes (máis de 100.000 habitantes), nas respectivas linguas propias de cada topónimo.

    No caso dos países, ademais de na lingua orixinal respectiva, poderemos coñecer o seu nome nas seis linguas da ONU (árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso), tanto na súa forma curta coma na formal.

    As capitais dos países figuran na lingua propia e en inglés.


    A web, que está na súa versión beta, irase completando coa pronuncia de cada topónimo na súa lingua orixinal.

  • Publicacións recentes na rede

    A tese de doutoramento titulada A toponimia das Comarcas de Bergantiños,  Fisterra, Soneira e Xallas na Documentación  do Tombo de Toxos Outos (séculos xii-xiv) da que é autor o socio da AGOn Paulo Martínez Lema pódese consultar e baixar no repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela.

    No volume 3/2011 da revista Estudos de Lingüística Galega podemos encontrar, entre outros artigos, dous encadrados no ámbito da onomástica. O primeiro, referente á lexicalización de nomes propios, “Entre o cola-cao e o nesquick. Lingua galega e marcas rexistradas“, da autoría de Noemí Álvarez Villar e María Rey Rey; e o segundo, “Sobre onomástica, o nome do papa e o estándar galego“, de Luz Méndez.

    (Agradecémoslles ós socios da AGOn e ós lectores deste blog que nos acheguen información sobre calquera publicación -tanto das dispoñibles online como as editadas-  que consideren de interese para poder divulgala).