Skip to content

Historia

O Atlas Lingüístico Galego Dixital (ALGa Dixital) é un proxecto conxunto do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Fundación Barrié para facer chegar á sociedade a través de internet e nunha forma atractiva e accesible os datos máis significativos do Atlas Lingüístico Galego (ALGa).

Obra fundamental no incremento e na difusión do coñecemento do galego actual, o ALGa é o resultado dunha exhaustiva campaña de enquisas feita a mediados da década de 1970 polo recentemente creado ILG, que contou desde o primeiro momento co mecenado da Fundación Barrié. Antes de iniciarse a publicación da obra en 1990, o material inédito empregouse, sobre todo, na codificación morfolóxica e léxica do galego.

Gravación dunha enquisa do ALGa

A comezos da década de 1970, cando o único material cartografado do galego eran 70 mapas fonéticos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, en nome do ILG o seu director Constantino García aceptou o encargo de realizar no dominio galego as enquisas do Atlas Linguarum Europae (ALE), impulsado pola Comisión Lingüística da Unesco (1970-2007) e tamén as do Atlas Lingüístico de España e Portugal (ALEP), ideado por Manuel Alvar, co apoio do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

No ILG considerouse que, á vez que se ía facer o traballo de campo deses dous atlas, chegara o momento de realizar un atlas da lingua galega, ampliando o número de puntos da rede e as preguntas do cuestionario. O Instituto solicitoulle á Fundación Barrié, que era naqueles momentos, xunto ó Departamento de Filoloxía Románica da USC, a institución que sostiña a súa actividade, unha ampliación do investimento para levar a termo un proxecto fundamental e perentorio.

Constantino García e Antón Santamarina proxectaron o ALGa, orientado á investigación das características específicas do galego e á conexión con proxectos de xeografía lingüística de carácter xeral coma o Atlas Linguistique Roman (ALiR) e os xa citados, que permitirían examinar a situación do galego entre as linguas ibéricas e no contexto románico e europeo.

O ALGa concibiuse como atlas tradicional cun cuestionario en papel no que os enquisadores anotaban as respostas en transcrición fonética. O cuestionario (2.711 preguntas, moitas múltiples, e un cuestionario de verbos a maiores) elaborouse sobre enquisas de traballos académicos de recolleita do léxico, polo que o groso das preguntas son léxicas (2.185). As restantes son cuestións fonéticas, morfolóxicas e algunhas de variación sintáctica.

A rede fórmana 167 puntos, dos que 154 corresponden a Galicia e 13 ás comarcas estremeiras de fala galega. O traballo de campo realizouse entre novembro do 1974 e xullo do 1976 (a enquisa de Lubián é de maio do 1977). En xeral, os enquisadores (Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González) realizaron en solitario a enquisa dunha localidade; con todo, nalgúns casos, especialmente nas comarcas estremeiras, estiveron no mesmo lugar para cubrir un terzo de cada cuestionario.

Volume VIII do ALGa publicado en 2025
Páxina do caderno de enquisa de San Roque de Crespos (O19)
Lámina empregada para ilustrar a
pregunta 1177 chantén (Plantago maior)

Na década de 1990 publicáronse os volumes I Morfoloxía verbal (1990), con confección totalmente artesanal; II Morfoloxía non verbal (1995), cos mapas elaborados cun programa gráfico de ordenador e os símbolos pegados manualmente; e III Fonética (1999), o primeiro totalmente informatizado, mercé a unha base de datos e un programa cartográfico, igual que nos volumes léxicos: IV Tempo atmosférico e cronolóxico (2003), V O ser humano (I) (2005), VI Terra, plantas e árbores (2015), VII O ser humano (II) (2020) e VIII O ser humano (III) (2025).

A Fundación Barrié puxo os medios para a publicación dos volumes I-V e, xunto á USC, para a edición dos volumes VI, VII e VIII, ademais do pagamento de material informático e doutro material do atlas. A Secretaría Xeral da Lingua (e os organismos que a precederon) financiou os traballos de tratamento e análise cartográfica dos volumes publicados e dos que están en preparación. Cun recente convenio entre a Fundación Barrié e a USC proxectouse a creación e publicación en liña do ALGa Dixital, para salvagardar o patrimonio lingüístico galego e facilitar o acceso aos materiais e a súa divulgación. A edición en liña permite un uso máis flexible dos datos, xa que non se reproduce estaticamente unha imaxe como ocorre cos mapas impresos, senón que se vinculan a unha base de datos e a un programa cartográfico, co que se poden seleccionar e agrupar os datos segundo os intereses e finalidades dos usuarios.